BENESTAR SOCIAL

O Programa de Inclusión Laboral rexistrou 185 novas incorporacións en 2010

21/03/2011 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou en rolda de prensa a memoria das iniciativas e actividades que o Equipo de Inclusión Sociolaboral levou a cabo durante o ano 2010. O Programa de Inclusión, desenvolvido a través dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e financiado polo Fondo Social Europeo, estaba constituído por un equipo multidisciplinar de tres profesionais. O obxectivo deste equipo centrouse no desenvolvemento de diferentes iniciativas destinadas a favorecer a inclusión social e laboral de colectivos en risco de exclusión social.

Ao longo do ano 2010 incorporáronse ao plan a 185 persoas e o equipo realizou 1.044 entrevistas de información e orientación. A base de datos do Plan de Inclusión contaba a finais de ano con máis de 700 participantes, cos que se levaron a cabo accións de orientación social e laboral, formación básica e profesional con prácticas reais en empresas.

Un total de 237 persoas participaron en accións formativas. Entre elas, un proxecto pioneiro de preparación das probas de competencias clave necesarias para a obtención dos novos certificados de profesionalidade. Durante o 2010 lográronse 111 contratos de traballo, maioritariamente centrados no sector servizos.

Xunto á atención directa aos participantes, o traballo do equipo de inclusión destinouse tamén ao fortalecemento e dinamización da Rede de Inserción Sociolaboral, creada no ano 2009 e formada por distintos servizos municipais da Concellería de Benestar Social e Igualdade e entidades de iniciativa social que traballan na cidade en prol da inserción social e laboral de colectivos en risco de exclusión.

O Plan Galego de Inclusión Social de Galicia finalizou a súa actividade na cidade de Santiago o día 31 de decembro.

Novo Programa Local de Inclusión Sociolaboral
Mar Martín informou tamén da creación do novo Programa Local de Inclusión Sociolaboral, dependente da Concellería de Benestar. O programa nace da necesidade de dar continuidade ao traballo realizado durante anos a través do Plan Galego de Inclusión Social.

A Concellería considera necesario continuar coas liñas de traballo establecidas e apostar pola inclusión, dando continuidade a un recurso de apoio á inserción sociolaboral dos colectivos máis vulnerables. Preténdese traballar de xeito específico con aquelas persoas con especiais dificultades para acadar a súa inserción social e laboral, perceptoras de prestacións sociais tramitadas dende Servizos Sociais.

O Equipo de Inclusión Sociolaboral, formado actualmente por dúas profesionais, traballará tanto de forma individual como grupal a través de itinerarios integrais de inserción sociolaboral, co obxectivo de reforzar e fortalecer todos aqueles aspectos que poidan axudar a mellorar a empregabilidade das persoas que accedan a este servizo.

A concelleira indicou que a desaparición do programa autonómico supón perder preto de 140.000 euros, o que obrigará a unha reorientación do programa. Así, dixo, "o seguimento personalizado restrinxirase a persoas con características moi específicas, e potenciarase a formación e orientación grupal". Neste sentido, segundo apuntou a traballadora social Ana Caamaño, "potenciaremos o traballo en rede e a colaboración coas entidades que traballa na cidade no eido da inclusión sociolaboral, para un mellor aproveitamento dos recursos. Esa restrición orzamentaria supón, por exemplo, a perda da psicóloga cuxo salario se financiaba coa subvención autonómica.

Compartir: