EDUCACIÓN

O Concello abre o día 18 de xullo o prazo de inscrición no servizo de comedor e madrugadores para o curso 2023-2024

17/07/2023 A Xunta de Goberno Local acordou aprobar esta mañá os prazos e procedementos de admisión nos servizos de comedor e de madrugadores na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso 2023-2024. Divídese en dúas modalidades: as novas incorporacións, que teñen de prazo do día 18 ata o día 28 de agosto (ambos incluídos) para formalizar a inscrición; e as familias que durante o curso pasado fixeron uso do servizo, que quedan incorporadas automaticamente.

A partir de mañá, 18 de xullo, ábrese o prazo de solicitude de inscrición nos Servizos de Comedor e/ou de Madrugadores no curso 2023-2024, tanto para a renovación de praza como para as novas persoas usuarias. O prazo remata o 28 de agosto de 2023.

Os novos/as usuarios/as deberán entregar cuberto o correspondente impreso de solicitude de inscrición MODELO ED001 EDUCACIÓN (dispoñible na sede electrónica do Concello) e rexistrarse posteriormente, cando estea dispoñible a APP Cole Chef. No momento da presentación das solicitudes nos prazos establecidos, non será necesario achegar ningunha documentación. O Departamento de Educación poderá requirir ás familias a presentación daqueles documentos que sexan necesarios para verificar o cumprimento dos criterios de admisión.

Os/as usuarios/as que fixeran uso dos servizos no curso 2022-2023 e xa están rexistrados na APP ColeChef, só terán que reactivar os servizos, na APP ColeChef para o curso 2023-2024.

As demandas do servizo fóra dos prazos establecidos durante o curso 2023-2024 poderán ser admitidas sempre e cando existan prazas vacantes no momento de presentar a solicitude. En todo caso, terán preferencia, as solicitudes recibidas nos prazos establecidos.

As solicitudes presentaranse segundo o MODELO ED001 EDUCACIÓN (dispoñible na sede electrónica do Concello) ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Direccións relacionadas



Compartir: