SEGURIDADE CIDADÁ

Os Bombeiros de Santiago realizaron case 1.200 intervencións en 2010

07/04/2011 A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, e o xefe do Servizo de Extinción de Incendios, Xesús Martínez, presentaron en rolda de prensa un balance das intervencións dos Bombeiros de Santiago nos últimos tres anos. En 2010, realizaron 1.192 intervencións, polas 1.031 de 2009 e as 838 de 2008.

Álvarez-Santullano resaltou a "moi boa formación" dos Bombeiros de Santiago e a súa capacidade para responder "de forma sólida e coordinada" a calquera incidencia. Ademais, destacou o importante labor que veñen desenvolvendo nos últimos anos no campo da prevención. Así o ratificou tamén Xesús Martínez, explicando que "se incidimos na prevención imos minimizar os riscos".

É neste campo da prevención onde máis se teñen incrementado as saídas nos últimos anos, ata situarse no 32% do total en 2010. Puxo como exemplo destas as aproximadamente 30 intervencións que cada mes se realizan para inspeccionar rúas afectadas por obras. Así, cada vez que se produce un corte de tráfico, este analízase polo miúdo, para buscar vías alternativas e así "facer máis corto o tempo de intervención en caso de producirse".

Neste labor de prevención inclúense tamén cuestións como a vixilancia de hidrantes (as bocas de rego utilizadas nos distintos puntos da cidade para sufocar os incendios), a inspección de edificios ou os simulacros. Neste último punto, o xefe do Servizo de Extinción de Incendios destacou os que se realizan no casco histórico no marco do Grupo Cidades Patrimonio. As visitas didácticas e as reunións con diversos colectivos tamén se enmarcan na prevención.

Atención de accidentes e incendios
Un grupo de intervencións que se manteñen habitualmente as cifras cada ano son as que teñen que ver cos accidentes de tráfico. Todos os anos, os Bombeiros realizan prácticas de excarcelación e, dende hai uns catro anos, danlle unha especial importancia á atención psicolóxica aos feridos. "Están establecidos un protocolos polos que unha persoa está sempre dedicada a atender o ferido e a distraelo mentres o resto traballa na excarcelación", apuntou Martínez.

Loxicamente, un bo número de saídas realízase para sufocar incendios. Entre estes seguen a destacar os urbanos e, como causa máis frecuente, citou o xefe dos Bombeiros as campás extractoras das cociñas, que adoitan a ser moi inflamables ao estar cheas de graxa. Tamén aludiu como dato significativo ao incremento dos incendios de colectores producido en maio de 2010, debido á folga dos traballadores da recollida do lixo.

As intervencións dos Bombeiros abarcan incidencias como: accidentes de tráfico, achiques, apertura de portas, caída de árbores, incendios (camións, matogueiras, vehículos, forestais, industriais, rurais e urbanos), inundacións, limpeza de calzada, medición de gases, rescates (de persoas, animais ou en ascensores), reténs (dispositivos especiais de reforzo), saneamento de fachadas ou visitas didácticas.

Documentos relacionados



Compartir: