SMARTIAGO

Preséntase o proxecto de desenvolvemento de algoritmos avanzados de modelado e simulación peonil, enmarcado en Smartiago, que permitirá deseñar novas estratexias de mobilidade sostible

10/11/2021 O proxecto de investigación e desenvolvemento de algoritmos avanzados de modelado e simulación peonil, enmarcado en Smartiago, permitirá deseñar novas estratexias que fomenten unha mobilidade máis sostible e contribuir a sustentabilidade medioambiental. Presentárono hoxe o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, e responsable do proxecto Smartiago, Sindo Guinarte; e Lorena Rosende e Diego Piñeiro, CEO e responsable da área de Smart Cities, respectivamente, de Itera Técnica, a empresa adxudicataria do proxecto.

É o último contrato de CPI (Compra Pública de Innovación) que se adxudica a través do proxecto de Smartiago. Segundo destacou Sindo Guinarte o que Itera vai levar a cabo é "o desenvolvemento de algoritmos avanzados e simulación de mobilidade peonil", e un living lab, un laboratorio probas para o deseño de novas estatexias que fomenten unha mobilidade sostible. É o que se coñece, engadiu, "como un xemelgo dixital".

Sindo Guinarte sinalou que o living lab, "no que corresponden á parte do Concello de Santiago, vaise canalizar a través de Uninova", a incubadora de empresas innovadoras promovida polo propio Concello "e na que tamén participa a USC, que contribuirá a tecer esas relacións cun ecosistema innovador para ser capaces de buscar, de obter novas funcionalidades en base o funcionamento e desenvolvemento do proxecto que leve a cabo a empresa Itera", engadiu.

Diego Piñeiro, responsable da área de Smart Cities de Itera Técnica explicou en que consiste o proxecto e como se vai desenvolver. Sinalou que se divide en dous grandes bloques. Un deles de "servizos de I+D para o desenvolvemento dun modelo virtual que sexa un xemelgo dixital, unha ferramenta que se utiliza na industria e que, con datos reais, simula procesos e servizos". Isto permitirá tomar decisións de calidade, predictivas, sobre mobilidade peonil e sostible". Co outro bloque, o living lab, porase o modelo a disposición dun ecosistema de innovación, para dinamizar e promover o deseño e desenvolvemento de solucións innovadoras que incentiven unha mobilidade máis sostible.

Os obxectivos do proxecto son, segundo explicou Diego Piñeiro, contribuír á racionalización do tráfico no centro histórico, coa reducción dos desprazamentos de vehículos contaminantes; e contribuír á sostibilidade medioambiental, coa reducción das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Os elementos que forman o living lab e o xemelgo dixital son, engadiu, unha ferramenta de modelado e simulación, que permitirá estudar o fluxo das persoas, a través da recreación de escenarios de modelado 3D, para estudar o comportamento de distintos axentes, como peóns virtuais, patinetes, bicicletas, etc. Esas simulacións poderanse converter en estratexias sobre mobilidade.
Ese modelado e simulación precisa de datos. Para introducir os datos reais no modelo "e facer que sexa o máis eficiente posible, vamos utilizar un piloto e diferentes elementos", sinalou. Entre eles uns bancos intelixentes, cunha sensórica que identificará datos de fluxo das persoas que se senten alí, que alimentarán o modelado e simulación", explicou Diego Piñeiro. En ningún momento, aclarou, se traballará con imaxes, se non con sensores que identifican o fluxo de persoas.

Por outra banda, continuou, vanse deseñar uns smarts sensors que se colocarán "estratexicamente" para observar os fluxos peonís en diferentes zonas da cidade histórica, e "ver a mobilidade sostible". A simulación tamén se alimentará con datos dunha app con gamificación, con "accións de estímulo para o incentivo de hábitos de mobilidade sostibles". Trátase, explicou, de integrar a cidadanía con xogos, con premios e puntos que se poderán canxear en establecementos da cidade". A idea é, engadiu, utilizar eses patróns de mobilidade no modelo.

A este modelado tamén se sumará "información de valor", datos que proveñen de "estacións e medios de transporte" que tamén se integrarán no sistema. "Permitirán saber cal é a ruta óptima, e na que menos emisións de gases CO2 se fan", engadiu. Toda esta información xerada estará no living lab, "un espazo onde se xunte o ecosistema de Santiago e no que poidamos realizar todo tipo de actividades para desenvolver estratexias de mobilidade sostible e proxectos innovadores que poñan a Santigo na vangarda da mobilidade sostible", explicó Diego Piñeiro.

Pola súa banda, Lorena Rosende, destacou que o Grupo Itera, con sede en Vigo e adicado ao desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos, conta con capital cen por cen galego. A empresa naceu como spin-off da Universidade viguesa en 2004 e actualmente está formada por catro marcas: Merasys, Itera Maroc, Enxenia e Hymann.

Smartiago
O proxecto Smartiago nace froito da colaboración entre o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para contribuír á mellora dos servizos públicos para a cidadanía impulsando o desenvolvemento de proxectos singulares de innovación tecnolóxica.

A consecución destes obxectivos realizarase a través do fomento da innovación empresarial, mediante a selección das actuación e proxectos relacionados coa resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local. Así, o proxecto Smartiago artéllase en tres retos para tentar acadar estes obxectivos:
Reto 1: Mobilidade intelixente e sostible
Reto 2: Xestión sostible e intelixente de RSU
Reto 3: Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

Outro dos fins de Smartiago é implicar nestes obxectivos a axentes do sistema de I+D+i local, rexional e nacional. Mostra de isto é a alta participación acadada ata o de agora nos diferentes fitos do proxecto. O proxecto permitirá situarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con gran capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo acometendo novos retos en liña cos obxectivos FEDER 2014-2020.

O proxecto Smartiago pretende lograr, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que se leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo.

A contratación de innovación moderniza o sector público con solucións máis baratas e de maior calidade. Estas prácticas contribúen directamente á competitividade da UE, ao abrir unha ruta ao mercado para novos xogadores, especialmente as pemes. Tamén axudan ás empresas máis grandes a levar produtos innovadores ao mercado, estimulando o crecemento empresarial transfronteirizo e a creación de emprego. A contratación por innovación tamén serve para atender as necesidades máis acuciantes da sociedade.

Cofinanciamento FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Recepción
Antes da rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu a Lorena Rosende e a Diego Piñeiro, que estiveron acompañados do concelleiro Sindo Guinarte.

Documentos relacionados



Compartir: