ALCALDÍA

Presentado o anteproxecto de orzamentos de 2021 do Concello de Santiago, que supera os 125 millóns de euros

29/01/2021 O Concello de Santiago contará este ano cun presuposto de 125.203.285,67 euros, segundo o anteproxecto de orzamentos para 2021 presentado hoxe polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e pola concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal. Un anteproxecto que, segundo explicou o rexedor, se presentou esta mesma mañá, ao resto de grupos da Corporación Municipal. A partir de agora, sinalou, "imos abrir un periodo de participación e aportacións". Polo tanto, advertiu, "poden estar suxeitos a modificacións".

O anteproxecto de orzamentos, que explicou a concelleira de Economía, divídese en nove capítulos:

Capítulo I. Persoal: 35.010.206,89 euros.

Capítulo II. Gasto corrente: 50.822.801,81 euros.

Capítulo III. Xuros: 604.433,35 euros.

Capítulo IV. Transferencias correntes: 17.241.280,79 euros.

Capítulo V. Fondo de continxencia: 100.000 euros.

Capítulo VI. Investimentos: 16.808.044,95 euros.

Capítulo VII. Transferencias de capital: 1.310.350 euros.

Capítulo VIII. Pasivos: 122.198 euros.

Capítulo IV. Amortización de débeda: 3.183.969,88 euros.

Marta Abal destacou "o importante incremento que se produce en investimentos, nos capítulos VI e VII", un 17,47% máis que en 2020. Este aumento, explica, "é grazas á suspensión das reglas fiscais de estabilidade, o que nos permite endebedarnos por riba do que inicialmente estaba establecido coa Lei Montoro". Isto permite, continuou, "asumir este capítulo de investimentos tan elevado".

Engadiu que, neste momento, "podemos estar pechando o orzamento de gastos grazas a que a diminución que se produce nos ingresos municipais se ve compensada, dalgún xeito, co aumento que se produce na participación dos ingresos do estado, especialmente a participación no Fondo Complementario de Financiamento". Marta Abal cifrou a minoración de ingresos en 1,2 millóns de euros, derivado sobre todo, dunha baixada na recadación de impostos"vinculados á actividade económica", en concreto citou o imposto de plusvalías, o ICIO (Imposto sobre Construcions, Instalacións e Obras) e as licenzas urbanísticas.

A preguntas dos xornalistas, Marta Abal sinalou que o incremento no capítulo II de gastos, onde están incluidos as partidas de contratos, é dun 3,03% respecto do 2020. "Isto ven motivado", sinalou, "non só polas grandes contratas, tamén porque temos que facer fronte a actuacións excepcionais a consecuencias da COVID", como o reforzo da limpeza en centros escolares e pavillóns polideportivos, que ten un sobrecuste mensual de 40.000 euros mensuais.

O alcalde destacou que con este orzamento "estamos intentando facer un esforzo para responder ás demandas e necesidades da cidade, nun momento tan complicado como este". Sinalou a aposta polos investimentos reais, "que serían de 16,8 millóns de euros, directamente", aos que cómpre sumarlle 1,3 millóns "a través de aportacións que se fagan a determinados investimentos que son xestionados por outras administracións ou entidades". Serían un total de 18,1 millóns que se verían incrementados cos 4,5 millóns do remanente aprobado no pleno do mes decembro, co que quedarían 22,6 millóns de euros que pensa, aumentarían coa liquidación do orzamento de 2020.

Sánchez Bugallo tamén destacou "o incremento de custo dos servizos públicos. Estamos co contrato dos novos servizos, algún deles moi avanzado". Enumerou, en concreto, o SAF (Servizo de Atención no Fogar), que está neste momento "na mesa de contratación completando a documentación, polo tanto, presumiblemente, o novo servizo entrará en funcionamento no mes de abril". Un servizo que, engade, incrementa o custo, "como corresponde co maior número de persoas que están sendo atendidas". O alcalde tamén citou a contratación do servizo de parques e xardíns, "que está previsto que entre en funcionamento tamén no mes de abril"; e os contratos de transporte e o do servizo de limpeza viaria. Polo tanto, resumiu o rexedor, hai un aumento de prezos na prestación de determinados servizos públicos que están obsoletos, e en situación administrativa irregular, pero terán autobuses novos, contedores novos" e iso implica un incremento de custos".

Sobre as axudas "aos sectores económicos que están sufrindo o impacto da crise" o alcalde recordou que " temos previsto unha nova convocatoria en marzo/abril" de "en torno a 2,5 millóns de euros que se poden ver incrementados"; e que están pagadas as subvencións da convocatoria de maio. En relación as axudas directas convocadas en decembro o previsión, sinalou, "é que queden pagadas a semana que ven".

Tamén destacou que neste anteproxecto de orzamentos "habería un recurso ao endebedamento" superior ao de outros anos "porque entendemos que é necesario para dinamizar a vida económica da cidade e para xerar actividade", aínda que aclara, "non pretendemos incrementar o endebedamento do concello". Recordou que esa débeda bancaria era de máis de 23 millóns de euros en 2019, e "agora mesmo é de 11,2 millóns de euros, é dicir fixemos unha amortización, a maiores, de 12 millóns de euros" nos 18 primeiros meses de mandato; "e agora, dalgunha maneira, recuperamos esas amortizacións que fixemos a maiores, porque as necesitamos para responder ás demadas sociais que temos plantexadas", engadiu o alcalde.

Sánchez Bugallo rematou sinalando que a previsión é levar estes orzamentos ao pleno ordinario do 25 de febreiro, "aínda que se vemos avances ou posiblidades de acordo con outras formacións políticas axustaremos o calendario", xa que non é unha data pechada.

Parque comarcal de Bombeiros
O alcalde de Santiago tamén informou en rolda da xuntanza que mantivo esta mañá co vicrepresidente primeiro, Alfonso Rueda, sobre o parque comarcal de Bombeiros. O encontro xirou sobre a posibilidade planteada polo goberno central de que a taxa de reposición de efectivos para a contratación de persoal se calcule non só considerando o concello, senón as tres administracións implicadas no parque (Concello, Deputación e Xunta). Para o rexedor compostelán esta solución podería "abrir unha vía de desbloqueo" para esta infraestrutura, pendente tamén do edificio que albergaría o servizo e do proceso de incorporación dos novos bombeiros.

Evolución da COVID-19 na cidade
A respecto da evolución da pandemia na cidade, o alcalde amosou unha certa esperanza trala "consolidación dos datos" nos últimos cinco días entre os 731 e os 746 casos activos. Segundo o rexedor, "pasamos de medrar un 4, 5 ou 8% diario a unha zona de dentes de serra, variando un 2% cara arriba e cara abaixo". A cifra de hoxe sitúanos nos 737 casos activos.

Con todo, o alcalde lembrou que a incidencia segue a ser "brutal" polo que reiterou o chamamento á responsabilidade de todos e cada un dos cidadáns de Santiago: "temos que conseguir que o sacrificio que estamos facendo", en especial algúns sectores, indicou, "sexa polo menos útil".

Documentos relacionados



Compartir: