NADAL

Música en directo con TT Syndicate e fogos artificiais para despedir o ano

26/12/2017 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta dos detalles da festa de fin de ano, que arrancará o domingo 31 ás 23:15 horas. Haberá reparto de uvas e bolsas de cotillón para as 1.000 persoas que se acheguen á praza do Obradoiro para vivir unha festa á que porá música a formación portuguesa TT Syndicate. Despois das badaladas haberá unha sesión de fogos artificiais.

A festa abrirase ás 23:15 horas co reparto das bolsas de uvas e cotillón e co primeiro pase de TT Syndicate. Logo das badaladas -que serán retransmitidas pola Televisión de Galicia- e do espectáculo pirotécnico, retomará a súa actuación a formación portuguesa. A concelleira agarda que o clima acompañe, xa que a previsión é que chuvia remita pola tarde e permita así disfrutar do espectáculo pola noite.

Tal como detallou Branca Novoneyra, TT Syndicate veñen de Porto e xuntáronse definitivamente en 2012, converténdose en poucos anos nunha referencia do rhythm & soul europeo. Os seus integrantes proceden doutras bandas portuguesas con longas traxectorias musicais no país veciño, coma Os Tornados. O seu estilo inspírase nas big bands dos 60, "cunha posta en escena moi exquisita, cos músicos vestidos de rigorosa etiqueta, que contrasta coa súa intensidade e ritmo".

Programa de Nadal
Branca Novoneyra aproveitou a rolda de prensa para lembrar algunhas das actividades destacadas do programa de Nadal desta semana. Así, hoxe mesmo, ás 17:00 horas, o Teatro Principal acolle a última entrega do ciclo "As raíces da pedra", cun obradoiro de cánticos de Reis a cargo de Ultreia e, a continuación, a actuación de Brincadeira. A actividade estaba prevista para a praza das Praterías, pero trasládase a causa do mal tempo.

Da xornada de mañá martes, a concelleira destacou o concerto da Sociedade Filharmónica Rías Baixas, ás 20:00 no Teatro Principal. Para o xoves 28 queda a actuación do Coro Encaixe no Mercado de Abastos, na praza do Toural e na praza Roxa, a partir das 12:30 horas. E ao día seguinte, venres 29, última xornada de cociña internacional no Centro Cívico do Romaño. Ademais, segue o resto de propostas permanentes, como a pista de xeo ou o Mercado de Nadal.

Sobre a previsión meteorolóxica, "apunta que esa noite non choverá e que mesmo o día anterior a choiva irá remitindo, e xa o luns que vén as previsións din que deixará de chover", anunciou a concelleira de Cultural. No caso de que o tempo non acompañe durante a festa de Fin de Ano, "non hai alternativa como tampouco a hai para o Día de Galicia ou para a Ascensión, todo debido ao aforo dunhas 2000 persoas e polo traslado de todo o equipamento" explicou a concelleira.

Direccións relacionadas



Compartir: