NADAL

As lendas do Apalpador e o Obradoiro de Scrapbooking, protagonistas do programa de Nadal deste xoves

20/12/2017 Continúan as actividades de Nadal programadas polo Concello. Na xornada de mañá xoves, 21 de decembro, destacan o percorrido do Apalpador pola rede de centros socioculturais de Compostela e a celebración da segunda xornada do Obradoiro de Scrapbooking.

O Apalpador, figura mítica do Nadal galego, está a percorrer os centros socioculturais de Compostela para achegarnos a súa historia e narrarnos contos e lendas de Nadal. Ademais de entreternos cos seus contos, tamén nos trae pequenos agasallos e caramelos para todas e todos. Despois de pasar polo LSC Aríns, o LSC Grixoa, o LSC Bando, o LSC Villestro e o LSC Sar, mañá xoves é a quenda para o CSC Trisca (19:00 h) e para o LSC Peregrina (19:30 h). A actividade está dirixida a todos os públicos e é de acceso libre. Pódense consultar o resto de visitas do Apalpador na programación de Nadal, dispoñible na web municipal.

Actividades para a Mocidade
Dentro das actividades destinadas á mocidade de Compostela, destaca a segunda xornada do Obradoiro de Scrapbooking. Esta actividade consiste na creación dun diorama decorativo dentro dun tarro de cristal e coa temática de inverno e do Nadal. O obradoiro, que xa cubriu todas as prazas, terá lugar no Obradoiro Dulces y Saladas (rúa nova de Abaixo, 3) de 16:30 a 20:30 horas.

Outras actividades
Seguen tamén diversas actividades para todos os públicos. A pista de xeo, situada no Paseo Central da Alameda, estará aberta ata o 28 de xaneiro de luns a venres, de 9:00 a 14.00 h (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 h (público xeral) e os sábados e domingos, de 11:00 a 22:00 h. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 22:00 a 2:00 h. Durante o período vacacional, o horario é de luns a domingos, de 11:00 a 22:00 h. As sesións nocturnas manteñen o seu horario durante este período.

Tampouco hai que esquecerse de da visitar o Belén Artesanal de San Fiz de Solovio, que cambia o seu horario de visitas a partir de venres (de luns a venres, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 h; sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 h), e o Mercado de Nadal, que continuará coa sua actividade ata o 6 de xaneiro.

Direccións relacionadas



Compartir: