ESPAZOS CIDADÁNS

A reurbanización de Castrón D´Ouro permitirá gañar espazo para a cidadanía e mellorar a accesibilidade

03/05/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto de reurbanización das rúas Castrón D´Ouro e Patio de Madres, despois de terllo explicado onte á veciñanza de Sar nun encontro aberto na praza de Marcial Villamor. O edil salientou que esta actuación é un paso máis no obxectivo do Goberno de "humanizar as rúas, devolverlle espazos públicos á cidadanía e mellorar a accesibilidade". As obras de Castrón D´Ouro están vinculadas á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado e terán un custo estimado de tres millóns de euros.

Jorge Duarte explicou que a rúa de Castrón D´Ouro presenta graves problemas de accesibilidade, tanto nos accesos ás vivendas, "na maioría dos casos con escalóns", como no tránsito dos peóns, "con beirarrúas tan estreitas que non deixan espazo para o paso dunha cadeira de rodas, dun carro de bebé nin de dúas persoas paseando á par". O concelleiro sinalou que, para afrontar esta situación, rebaixarase a rasante da rúa ata un metro nalgúns puntos. A día de hoxe, tal e como explicou Duarte, máis do 43% das vivendas está por debaixo do nivel da calzada, e só o 15% por riba dese nivel. Despois das obras, quedarán por debaixo da rasante o 21% das vivendas, e o 40% pasará a estar por riba dese nivel. Ademais de mellorar a accesibilidade, "evitaranse problemas de acumulación de auga e os veciños das plantas baixas gañarán en intimidade".

Espazo para os peóns
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que, na actualidade, a rúa de Castrón D´Ouro destina só o 15% do seu espazo para as beirarrúas. Despois das obras, máis do 40% do espazo será para os peóns. Jorge Duarte salientou que, deste xeito, "Castrón D´Ouro será un espazo de convivencia para os cidadáns, e non un lugar para o mero tránsito dos vehículos". Ademais, a reforma permitirá integrar mellor no espazo peonil a praza triangular da rúa, que recuperará o seu cruceiro tradicional.

O edil explicou que a reurbanización suporá a supresión das prazas de aparcamento, todas ela en zona ORA, pero manteranse unha zona de carga e descarga no comezo da rúa, e outra área para paradas dun máximo de 10 minutos.

Prazas de aparcamento en Marcial Villamor
Jorge Duarte explicou que "de xeito simultáneo a este proxecto, o Goberno está tramitando o prego para adxudicar o uso dunhas prazas de aparcamento de titularidade municipal na praza de Marcial Villamor". O edil explicou que serán 27 prazas para turismos e outras tres para motocicletas, que serán adxudicadas a veciños e veciñas empadroados na zona e con vehículo censado tamén nesa residencia. Seguiranse criterios de renda e de proximidade, e o prezo desas prazas "estará bonificado e será de entre 30 e 50 euros".

Características técnicas e prazos
O concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que a reurbanización de Castrón D´Ouro está vinculada á EDUSI, de xeito que a súa adxudicación dependerá da dispoñibilidade dos fondos europeos. En todo caso, a intención do Goberno é iniciar a licitación neste mes, para que a obra estea adxudicada no último trimestre do ano. O prazo de execución será de 18 meses, e prevese acometer a actuación en dúas fases "para causar as mínimas molestias á veciñanza". A primeira fase sería no tramo comprendido entre Sar e Curros Enríquez, e a segunda dende Curros Enríquez ata Virxe da Cerca.

O orzamento previsto para o proxecto é de tres millóns de euros. Jorge Duarte explicou que esa contía responde a que "estamos ante unha actuación integral, a primeira que se fai na rúa dende os anos 60, e que suporá a renovación de todas as redes de servizos e a substitución da totalidade do pavimento".

En canto ás características técnicas, o edil explicou que a calzada será de formigón, e estará separada das beirarrúas por pezas de granito. Os pasos de peóns estarán ao nivel da beirarrúa, uns cinco centímetros elevados sobre a calzada. Crearanse zonas estanciais con pavimento de pedra, unha das máis chamativas no espazo situado á altura do regato do Cancelón. O proxecto prevé tamén a instalación de tres illas de contedores soterrados.

Documentos relacionados



Compartir: