ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

Jorge Duarte preséntalle á veciñanza o proxecto de peonalización de San Pedro

21/06/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentoulle onte á veciñanza de San Pedro o proxecto de peonalización da rúa principal do barrio, que entrará en vigor o un de xullo. Foi nunha xuntanza celebrada na Casa da Xuventude, e que contou coa participación de máis de 60 persoas.

Jorge Duarte explicou que "o Concello quere ir dando pasos cara a peonalización de San Pedro, pero non impoñela dun xeito brusco". Por iso, e tras un estudo de mobilidade elaborado por Tussa, o primeiro obxectivo será "eliminar da rúa os vehículos que son de paso cara outras zonas da cidade, e que supoñen o 70% do total". Para iso, a partir do un de xullo pola rúa de San Pedro só poderán circular os residentes que dispoñan de tarxeta de aparcamento na Zona 3. Os comerciantes da rúa poderán solicitar un permiso de paso e parada, para poderen acceder con normalidade por San Pedro.

Os accesos estarán controlados cunha cámara lectora de matrículas que, se ben se instalará nos próximos días, non empezará a sancionar ata que se dea por concluída unha primeira fase de control policial e de labor didáctica entre a veciñanza.

Para evitar unha vía alternativa de tráfico de paso unha vez se restrinxa a entrada por San Pedro, vaise modificar a dirección de circulación da rúa das Fraguas, que quedará con entrada desde a rúa dos Concheiros e saída pola rúa do Canteiro cara a Avenida de Quiroga Palacios. Deste xeito quedaría liberada a rúa dos Lagartos, por onde tamén poderán acceder unicamente os residentes. Por último, a entrada ás Fraguas no tramo da Cruz de San Pedro farase con dobre sentido de circulación.

O concelleiro de Espazos Cidadáns tamén deu conta da nova configuración das áreas de estacionamento e de carga e descarga, e explicou que a partir de xullo tamén se verán reducidas as liñas de transporte público que atravesan San Pedro. Jorge Duarte indicou que "a día de hoxe pola rúa pasa un autobús cada seis minutos, e o obxectivo é manter unha soa liña, que será a que a veciñanza considere máis acaído". Os taxis poderán seguir accedendo con normalidade ao barrio.

Direccións relacionadas



Compartir: