XUNTA DE GOBERNO

A primeira fase da peonalización de San Pedro comezará en xullo

17/06/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade anunciou hoxe a posta en marcha das primeiras medidas para reducir o tráfico no barrio de San Pedro, a partir do próximo mes de xullo. Para iso, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá o Estudo de Mobilidade sobre as actuacións de recuperación de espazo público neste ámbito, elaborado por Tussa. Jorge Duarte explicou que "todos os pasos que se están dando na peonalización de San Pedro están acordados coas dúas asociacións de veciños do barrio, Amigos de San Pedro e A Xuntanza".

O Estudo de Mobilidade de Tussa desvela que o 70% dos vehículos que circulan por San Pedro son de paso cara outros puntos da cidade, o 10% diríxese a Concheiros, e só o 20% ten como destino o propio barrio. Jorge Duarte sinalou que a clave para "recuperar o espazo público para a cidadanía é eliminar este tráfico de paso", e por iso a partir do mes de xullo pola rúa de San Pedro só poderán circular os residentes que dispoñan de tarxeta de aparcamento na Zona 3.

O concelleiro sinalou que os comerciantes da rúa poderán solicitar un permiso de paso e parada, para poderen acceder con normalidade pola rúa. Os accesos estarán controlados cunha cámara lectora de matrículas que, se ben se instalará nos próximos días, non empezará a sancionar ata que se dea por concluída unha primeira fase de control policial e de labor didáctica entre a veciñanza.

Para evitar unha vía alternativa de tráfico de paso unha vez se restrinxa a entrada por San Pedro, vaise modificar a dirección de circulación da rúa das Fraguas, que quedará con entrada dende a rúa dos Concheiros e saída pola rúa do Canteiro cara a avenida de Quiroga Palacios. Deste xeito quedaría liberada a rúa dos Lagartos, por onde tamén poderán acceder unicamente os residentes. Por último, a entrada ás Fraguas no tramo da Cruz de San Pedro farase con dobre sentido de circulación.

Estacionamento e carga e descarga
O estudo elaborado por Tussa aposta polo mantemento de dúas áreas de estacionamento no contorno de San Pedro. Unha delas sitúase na rúa do Medio, con 63 prazas para residentes 24 horas, e a outra estaría na rúa de San Pedro, con 17 prazas para residentes de 21:00 a 8:00 horas,cun tempo máximo de estacionamento de 15 minutos o resto da xornada.

Ademais, defínense catro zonas de carga e descarga, ao comezo da rúa de San Pedro, na rúa do Medio e no contorno da Cruz de San Pedro.

Transporte público
O concelleiro de Mobilidade sinalou que outro dos cambios máis importantes ten que ver co transporte público. Na actualidade, por San Pedro pasa un autobús cada seis minutos, cunha media de 11 autobuses cada hora. A partir de xullo, manterase só unha liña atravesando o barrio, cunha frecuencia de 15 minutos.

Jorge Duarte explicou que se están estudando posibles modificacións desta liña, a 6, co obxectivo de garantir o mellor servizo para o barrio. Ademais, adiantou que o Goberno está traballando nun redeseño das liñas de autobús, de cara ao remate da actual concesión, en febreiro. Nese plan, haberá varias medidas que lle afectan ao barrio de San Pedro, e que teñen que ver coa posible utilización dun autobús eléctrico de menor tamaño e impacto. En canto ao taxi, de momento manterase o libre acceso.

Compartir: