CENTROS SOCIOCULTURAIS

Últimas prazas para os paseos na procura das herbas de San Xoán de Vive o Verán

18/06/2015 Como preparación para o solsticio de verán e a noite de San Xoán, existe a tradición de recoller as plantas que poderemos deixar ao orballo da noite para que adquiran as propiedades máxicas e curativas que conta a tradición. Por iso, dende os centros socioculturais, no marco do programa Vive o verán 2015, promóvese o mantemento desta tradición a través de dous roteiros para recoller as sete herbas e gozar da natureza en grupo.

As persoas interesadas en participar nalgún dos dous paseos organizados para o martes 23 de xuño, de recollida das herbas de San Xoán, aínda poden apuntarse dirixíndose ao Centro Sociocultural do Ensanche ou ao Centro Sociocultural de Conxo. Cada grupo terá un máximo de 20 participantes, que se poden anotarse de balde. Pode participar xente de calquera idade, se ben os menores deben ir acompañados dun adulto.

Hai programados dous paseos, o primeiro con saída ás 10:30 horas dende a carballeira de San Lourenzo, e o segundo con saída ás 18:00 horas do Centro Sociocultural de Conxo. Os paseos teñen unha duración aproximada dunha hora.

Os participantes, acompañados dun experto, aprenderán a identificar as herbas de San Xoán. Existen moitas variedades, máis hai o costume de que sexan sete as elixidas. Así, no roteiro poderase recoller a nogueira, a menta, o sabugueiro, o fiúncho, a artemisa, a roseira, o estalote, o fento macho, o codeso, a herba de San Xoán, a malva...

Documentos relacionados



Compartir: