Os avisos serven para dar a coñecer os comunicados de carácter urxente, licitacións abertas, rúas cortadas ao tráfico e desvíos alternativos.



CONVIVENCIA

Incidencias Policía Local

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL
Dende as 08:00 horas do día 23/10/2024 ata as 08:00 horas do día 24/10/2024


CONTROIS E INSPECCIÓNS: en varias zonas da cidade.
--:-- ACCIDENTES DE TRÁFICO, RECLAMACIÓNS DE DANOS, DELITOS CONTRA SEGURIDADE VIARIA E PROBAS DE ALCOL E DROGAS:
• 23:32 ACCIDENTE DE TRÁFICO: na rúa Ponte de Vidán entre dous vehículos, con resultado de danos materiais e catro persoas feridas leves.
• 03:07 DANOS: na rúa Xoán Paulo II un vehículo choca cun farol e un sinal de carga e descarga. Acode Bombeiros e Ferrovial.
ACTOS INCÍVICOS: préstase servizo na zona vella.

MOBILIDADE

Modificacións no tráfico con motivo da 45ª Carreira Pedestre popular (27 de outubro)

A Concellaría de Mobilidade e Convivencia informa á cidadanía de que, por mor da celebración da 45ª Carreira Pedestre Popular organizada por "El Correo Gallego", o vindeiro domingo 27 de outubro produciranse modificacións temporais no tráfico da cidade durante o transcurso deste certame deportivo.

Horarios

A saída da carreira de adultos está prevista ás 10.00 horas da avenida de Xoán XXIII e a de nenos e nenas, ás 11.30 h desde o mesmo punto. A competición rematará na praza do Obradoiro.

Prégase á cidadanía que se absteña, na medida do posible, de utilizar os seus vehículos na mañá do domingo, especialmente entre as 9:00 e as 14:00 horas, co obxecto de facilitar o desenvolvemento desta proba deportiva. Como norma xeral, en todas as rúas do itinerario da Carreira Pedestre produciranse restricións no tráfico, que se levantarán unha vez que pasen as últimas persoas participantes.

Itinerario da carreira pedestre (adultos)

Xoán XXIII, praza da Paz, San Caetano, Camiño Francés, rúa das Fontiñas, Concheiros, rúa de San Pedro, Porta do Camiño, Virxe da Cerca, Fonte de Santo Antonio, praza de Galicia, rúa do Doutor Teixeiro, rúa do Doutor Puente Castro, rúa da Rosa, Santiago de Chile, praza de Vigo, avenida de Rosalía de Castro, avenida da Coruña, avenida das Ciencias, avenida de Novoa Santos, avenida das Burgas, avenida de Compostela, rúa do Cruceiro do Galo, Pombal, Galeras, Salvadas, Santa Isabel, Vista Alegre, avenida de Castelao, praza da Paz, rúa da Pastoriza, rúa Basquiños, Santa Clara, San Roque, Algalia de Arriba, praza de Cervantes, Preguntoiro, rúa do Castro, praza da Universidade, praza de Mazarelos, rúa do Cardeal Payá, Orfas, Toural, rúa do Vilar, praza das Praterías, Fonseca e praza do Obradoiro.

A carreira de nenos e nenas, que discorrerá por parte do percorrido anterior, tamén pasará polas rúas da Senra, Campo da Estrela, Porta Faxeira, avenida de Figueroa, accedendo a Alameda polo paseo dos Leóns, para continuar pola Costa do Cruceiro do Gaio e saír á rúa Galeras.

Consellos para o tráfico de vehículos

- Queda prohibido o estacionamento de vehículos na avenida de Xoán XXIII, Auditorio de Galicia dende as 15:00 horas do sábado 26 de outubro ata as 14:00 horas do domingo 27 de outubro.

- Os vehículos que accedan á cidade polo norte poderán circular en sentido descendente pola avenida de Castelao, enlazando con Salvadas e Galeras e saíndo por Poza de Bar, San Lourenzo e Avenida Mestra Victoria Míguez (Vidán, estrada AC-543 a Noia) ou por Vista Alegre xirando cara ao Romaño.

- Os vehículos que accedan á cidade a través da estrada de Santa Comba circularán obrigatoriamente a través de Salvadas e Galeras na mesma dirección que os anteriores cara á estrada de Noia.

- Os vehículos que desexen entrar ou saír da zona das rúas Hórreo, Gómez-Ulla ou área de influencia destas poderán circular polas rúas Bernardo Barreiro, Sar e Ramón Piñeiro, enlazando coa avenida de Lugo.

- O tráfico procedente das estradas de Noia (AC-543), Ourense (N-525) e Pontevedra (N-550) en dirección ao norte da cidade deberá utilizar obrigatoriamente a autoestrada A-9 ou o a SC-20.

- Deberá utilizar tamén a autoestrada AP-9 ou o a SC-20, o tráfico procedente das estradas da Coruña (N-550) e Lugo (N-634 e C-547) que se dirixa ao sur da cidade.

- Quedará dividida con valos a calzada no tramo que transcorre desde o cruce do Cruceiro do Galo polas rúas Galeras, Salvadas, Vista Alegre e avenida de Castelao; tamén se dividirá a calzada no tramo de Rosalía de Castro entre a praza de Vigo e a avenida da Coruña, e esta última entre Rosalía de Castro e Feáns, de forma que quedará habilitado para a carreira o carril de subida, e o de baixada, para permitir o acceso e saída dos aparcamentos da zona.

- Prégase á veciñanza das zonas afectadas pola carreira, que se teñen que utilizar o seu vehículo os deixen estacionados fóra das rúas afectadas.

Desvíos no transporte urbano

Todos os desvíos poden consultarse na páxina web de Tussa.

A Concellaría de Mobilidade e Convivencia do Concello prega á cidadanía que desculpe as molestias causadas pola celebración deste acontecemento deportivo e que acate as indicacións dos axentes da Policía Local, membros de Protección Civil e persoal da organización da carreira.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa de Fernando III O Santo (martes 22 de outubro)

O vindeiro martes, 22 de outubro, o tramo da rúa de Fernando III o Santo comprendido entre as rúas República Arxentina e a Rosa vai quedar cortado ao tráfico dende as 9.00 ata 21,00 h para reparar a illa soterrada de recollida do lixo instalada no comezo da rúa.

Permitirase a entrada de vehículos con destino a garaxes dende a rúa da Rosa. Por este motivo eliminarase todo estacionamento existente da rúa para permitir o cruzamento entre vehículos.

O Concello de Santiago de Compostela prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na rúa de Josefa García Segret

O xoves 17, venres 18 e luns 21 de outubro o tramo da rúa de Josefa García Segret comprendido entre a rúa do Restollal e a rúa de Alejandro Pérez Lugín vari quedar cortada ao tráfico debido ás obras de canalización eléctrica que está realizando a empresa Elecnor na zona.

As alternativas de desvío serán pola travesa do Restollal e pola rúa de Manuel Vázquez Cacharrón.

O Concello de Santiago de Compostela prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Cortes de tráfico en varias rúas por mor de traballos de aglomerado

Durante esta semana, o Concello vai a realizar traballos de aglomerado en varias rúas da cidade para o que será preciso realizar cortes de circulación:

- O mércores 16 o cruzamento da avenida de Xoán XXIII coa avenida de Coímbra vai quedar cortado á circulación dende as 9.15 ata as 11.15 horas. Isto vai conlevar que a liña 15 do transporte urbano suspenda as paradas existentes na avenida de Coímbra. Desviarase o bus pola praza da Paz e avenida de Xoán XXIII, volvendo recuperar o percorrido e frecuencias acabada a actuación.

- O mércores 16 e o xoves 17, de 8.30 a 20.00 h pecharanse ao tráfico as rúas de Tabaniscas e das Poxas.

- O xoves 17 e o venres 18 pecharase ao tráfico o primeiro tramo da rúa de Salgueiriños de Arriba para o seu aglomerado.

Xa sen necesidade de corte da circulación, vaise proceder ao aglomerado dalgúns tramos da rúa Montes dos Postes e da primeira parte do viario que vai dende o Polígono do Tambre ata o lugar da Gracia, os días 18 e 21 de outubro.

O Concello de Santiago de Compostela prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Cortes de tráfico con motivo da CorreSan do barrio de San Pedro e modificacións no transporte urbano

O domingo 13 de outubro celebrarase a carreira CorreSan do barrio de San Pedro, polo que entre as 10:00 e as 13:00 horas, permanecerán cortadas ao tráfico (incluso para os/as residentes) as rúas do ámbito de San Pedro e de Bonaval.

Os vehículos que circulen dende a rúa de Virxe da Cerca non poderán acceder á rúa de Valle-Inclán (que estará cortada) e deberán seguir pola rúa das Rodas.

Debido tamén ao corte das rúa de Valle-Inclán e de Bonaval, non poderán acceder a elas os vehículos que circulen pola rúa dos Concheiros e rúa da Angustia, que en todo caso deberán seguir pola rúa de Betanzos.

Transporte urbano

Estes cortes afectarán a varias liñas do transporte urbano no horario referido (16:30 a 20:00 horas):

*Liñas 7 e P3: ao non poder acceder á rúa Valle Inclán, as liñas rematarán o percorrido por Rodas, San Roque, Basquiños e realizando o cambio de sentido na praza da Paz.

Quedarán suprimidas as paradas (637) Valle Inclán dársena e (639) Valle Inclán La Salle. Será parada alternativa a (573) situada na rúa San Roque nº 21, así como a parada habitual de Virxe da Cerca, praza de Abastos.

*Liña C11: a liña desviarase desde Virxe da Cerca por rúa das Rodas, San Roque, Pastoriza, Anxo Casal, e avda. Rodríguez de Viguri, retomando o itinerario na avda. de Lugo.

Quedarán suprimidas as paradas (397) Porta do Camiño, (511) rúa de San Pedro nº 58 e (219) Cruceiro de San Pedro.

Todas as paradas do transporte urbano nos distintos percorridos de desvíos serán paradas alternativas a realizar polas liñas a demanda de usuarios.

O Concello de Santiago de Compostela prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico na ruela do Cancelón do Sar ata o 15 de outubro

A ruela do Cancelón do Sar, viario que une a rúa Clara Campoamor coa rúa de Sar, continuará cortada ao tráfico ata o vindeiro 15 de outubro por mor das obras para a instalación de novas canalizacións na súa calzada.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Prohibición estacionamento nas parcelas das rúas de José Antonio Souto e de José Angel Valente

Desde o vindeiro luns, 30 de setembro, quedará prohibido o estacionamento nas parcelas situadas xunto ao colexio Ramón Cabanillas, na rúa de José Antonio Souto Paz, e na existente na parte de atrás do colexio Quiroga Palacios, na rúa de José Ángel Valente. O motivo é a realización das obras de acondicionamento que se van realizar nas anteditas parcelas con destino a bolsa de aparcamento.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Desvío nas liñas 6 e 12 debido a obras na urbanización Os Tilos (a partir do 18 de setembro)

Debido a obras que se levarán a cabo nas rúas Ameneiro, Castiñeiro e Carballo, a partir do mércores 18 de setembro, as liñas 6 e 12 realizarán desvíos no percorrido pola urbanización:

Os autobuses farán a ida e a volta polas rúas Carballo e Vidueiro.

Quedarán suprimidas as seguintes paradas (todas no traxecto da liña en sentido a fondo dos Tilos):

-342, 343, 344, Ameneiro 1, 2 e 3 (piscina)

-350, Castiñeiro (centro comercial)

A duración estimada dos traballos é duns 15 días.

Pregamos desculpen as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

MOBILIDADE

Corte de tráfico no Polígono do Tambre (a partir do 9 de setembro)

Con motivo do inicio das obras de construción dun sistema de drenaxe urbana no Polígono do Tambre, no marco do proxecto europeo WATERUN, a partir do luns 9 de setembro cortaranse ao tráfico dous carrís, un na rúa vía Edison e outro no vial de Ptolomeo. Estes cortes impedirán a entrada de vehículos desde a vía Edison ao vial e Ptolomeo. A duración estimada das obras será dun mes.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.


Compartir: