EDUCACIÓN

A ludoteca itinerante Troularte achégase ao rural de Compostela

13/10/2009 Co obxectivo de ampliar e diversificar a oferta lúdica destinada ao colectivo infantil do medio rural de Compostela, a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou esta mañá a Ludoteca Itinerante Troularte.

Segundo explicou a concelleira, trátase dun programa de animación sociocultural para nenos e nenas das zonas rurais do municipio de Santiago con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, que pretende dar resposta a moitas solicitudes das familias compostelás que teñen a súa residencia en distintas parroquias de Santiago. Rosón entende que propostas lúdicas e educativas como esta "resultan unha axuda importante para a socialización dos máis pequenos e unha colaboración real na conciliación da vida laboral e familiar".

Os obxectivos do programa son ofrecer alternativas de ocio que fomenten a acción e o progreso persoal e social; achegar recursos e oportunidades de carácter lúdico aos membros do colectivo infantil con menor oferta; e dinamizar o tempo e o espazo favorecendo con isto o uso de espazos compartidos que fomenten a relación social.

Ao longo do curso a ludoteca Troularte viaxará dúas veces ao mes a cada escola con actividades dentro dunha programación temática que se renova mensualmente. A proposta inclúe xogos e obradoiros artísticos e creativos, ademais dun tempo de xogo autodirixido para o que se conta con materiais de xogo básico (montables, figuras, puzzles, pinturas,…).

As actividades comezarán mañá 14 de outubro e participarán tanto os alumnos do centro escolar como rapaces da paroquia e mesmo doutras parroquias. Neste sentido, a concelleira de Educación quixo resaltar o valor engadido que ten este programa ao propiciar que os rapaces do entorno urbán que van vivir ao rural se integren nas súas parroquias.

As escolas onde se desenvolve este programa son os CEIP Roxos-Villestro, CEIP R. Xixirei, e as escolas rurais de A Susana, O Sisto, O Gaioso e O Rial.

Compartir: