CULTURA

Inaugúrase na Zona "C" a nova exposición do compostelán Manuel Eirís

13/05/2008 O artista compostelán Manuel Eirís abre a súa nova mostra o mércores 14 de maio, ás 20.00 horas, na Zona "C". A exposición, organizada pola Concellaría de Cultura, presenta unha intervención que inclúe dúas liñas do traballo artístico que vén desenvolvendo nos últimos tempos.

A primeira liña de traballo consiste nun Desocultamento, acción de riscar na parede da sala, que revelará o que hai nela: os debuxos que presentou Santi Jiménez ao comezo de 2008. Mentres transcorre a acción de riscar na parede, prodúcese unha nube de po, que cae e se vai depositando no chan. Ao mesmo tempo a acción vaise filmando en vídeo. Esta obra desaparecerá cando finalice a exposición, pero perdurará no tempo e poderá ser mostrada a outros espectadores noutros lugares nese soporte. Cun vídeo deste tipo o artista gañou os premios do xurado e do público no ano 2007 do V Premio do Auditorio de Galicia.

A outra liña de traballo, Desocultamentos en pequeno formato, é unha colección de restos de paredes que o artista recolleu pouco a pouco nos contedores das obras nas rúas de Lisboa. Son ao mesmo tempo esquemas e notas, probas, bocexos, ensaios: O que ve o espectador non son imaxes, senón pezas físicas e tanxibles. Son probas de casas derruídas ou baleiras, que pasaron a ser outra casa, ou outro lugar.

En resumo, as fotos e os vídeos son testemuños dos restos dunha casa que xa non está habitada. Os cascotes, os fragmentos de paredes son eles mesmos os restos da casa.

A exposición permanecerá aberta ata o 3 de xuño de 2008 e pode visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20.00 horas.

Compartir: