CAPITAL CULTURAL

‘Adictos’, con Lola Herrera, enche o patio de butacas do Auditorio de Galicia

07/05/2024 Pentación Espectáculos produce esta montaxe arredor da dependencia tecnolóxica con texto de Daniel Dicenta e Juanma Gómez, dirixida por Magüi Mira e cun elenco que completan Ana Labordeta e Lola Baldrich. A función, para a que xa se esgotaron todas as localidades dispoñibles, terá lugar este xoves día 9 de maio, ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

Até que punto estamos sometidas á tecnoloxía?" é a interrogante de partida de ‘Adictos’, unha peza teatral de Pentación Espectáculos que chega este xoves, día 9 de maio, ás 20.30 horas ao Auditorio de Galicia ao abeiro da programación escénica de Compostela Cultura.

Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich prestan corpo e voz a un texto no que Daniel Dicenta e Juanma Gómez reivindican a capacidade de reacción do ser humano ante a tiranía e a perversión tecnolóxicas, a rebeldía necesaria para poder gozar sen ataduras dos dispositivos e intelixencias ao dispor da sociedade. A dicir dos autores: "A realidade de ‘Adictos’ é a da expansión progresiva da desinformación. Unha ficción cuxos personaxes manifestan inquedanzas que nos incumben a todos, cuestionando paradigmas que, até o de agora, asumimos como válidos e certos pero que poida que escondan mentiras que estean distorsionando as nosas vidas".

Magüi Mira asume a dirección desta montaxe producida por Jesús Cimarro, con escenografía de Curt Allen Wilmer e Leticia Gañán, iluminación de José Manuel Guerra, vestiario de Pablo Menor e deseño de son e axudantía da dirección de Jorge Muñoz. O pase, que forma tamén parte do programa das Festas da Ascensión, esgotou xa todas as localidades dispoñibles.

Compartir: