XUNTA DE GOBERNO

O executivo municipal aproba o Plan de Contratación para 2024, que recolle 82 contratos cun valor de preto de 223 millóns de euros

06/05/2024 O concelleiro de Economía, Facenda e Contratación, Manuel César, deu conta en rolda de prensa do Plan de Contratación municipal para 2024, aprobado na sesión ordinaria da Xunta de Goberno, "un instrumento de planificación esencial para a boa xestión da administración municipal".

O edil de Contratación definiu o plan como "unha folla de ruta que inclúe 82 contratos cun valor de 222.990.817 euros" e que "guiará o Goberno municipal e a propia administración para prestar servizos públicos de calidade; para desenvolver políticas sociais, culturais e de igualdade para a maioría; para realizar unha transformación urbana e un mellor acceso á vivenda; así como para avanzarmos nunha senda de sustentabilidade e de integración territorial; e tamén permitirá introducir medidas para a mellor gobernanza e a xestión dos recursos públicos con máis eficacia".

Trátase dun documento único que recolle as necesidades institucionais que van ser cubertas mediante a licitación de contratos maiores e inclúe os contratos suxeitos a regulamentación harmonizada, que son aqueles de servizos e de subministracións cun valor estimado igual ou superior a 143.000 euros e o resto de contratos cun valor estimado é igual ou superior a 5.538.000 euros. Moitos dos contratos que aparecen neste plan teñen unha execución que supera o presente exercicio contable.

Dentro dos 82 contratos maiores non están os que xa foron adxudicados durante os pasados meses e trátase dun documento "programático e orientativo e non dun compromiso nin un documento fechado que non poidamos sairnos del, porque é un documento vivo porque pode haber contratos que se liciten aínda que non vaian neste documento e esperemos que a maioría dos contratos que aparecen aquí sexan licitados porque ese é o noso compromiso que adquirimos como goberno no que ten que ver coa contratación administrativa".

Polo tanto, estaríamos perante un documento que recolle obxectivos específicos, medíbeis, alcanzábeis, relevantes e temporais".

O concelleiro fixo especial fincapé en que os obxectivos do plan están "aliñados cos grandes eixos estabelecidos no Orzamento de 2024 e cos compromisos deste goberno". Así, aparecen contratos para:

Prestar servizos públicos de calidade:
-Prestación integral dos servizos de conserxaría e limpeza de centros escolares (1.427.000€), de pavillóns deportivos (875.480,54€) e centros socioculturais (1.400.000€).

-Xestión do servizo público de transporte colectivo urbano de viaxeiros en réxime de concesión administrativa (9.084.439,62€).

-Servizo de mantemento e conservación dos sistemas de control, regulación e xestión do tráfico e do túnel urbano do Hórreo.

-Vehículos para o Servizo de extinción de incendios e Salvamento. 3 lotes 640.000,00 + 580.000,00 + 410.000,00 euros = 1.630.000,00 euros.

Desenvolver políticas sociais, culturais e de igualdade para a maioría:
-Xestión da rede de CSC, animación sociocultural, atención ao público, bibliotecas, novas tecnoloxías e redes sociais. 6.329.708,52 euros.

-Servizo de xestión e programación do centro xove de creación cultural. 959.288,00.

-Iluminación de Nadal. 840.000,00 euros.

-Plano anual de conciliación. 260.000,00 euros.

-Plano de conciliación do verán. 99.000,00 euros.

-Ludoteca María Miramontes. 537.200,00 euros.

-Plano piloto de creación de cociñas en centros escolares. 339.700,00 euros.

-Coordinación e funcionamento da Casa Xohana Torres e Servizo de Asesoramento LGTBI. 135.000,00 euros.

Realizar unha transformación urbana e un mellor acceso á vivenda, así como avanzar nunha senda de sustentabilidade e de integración territorial:
-Reurbanización da rúa García Lorca. 967.191,67 euros.

-Reurbanización da rúa Mallou. 495.867,77 euros.

-Reurbanización da rúa Ponte da Raíña. 413.223,14 euros.

-Rehabilitación de firmes asfálticos en vías urbanas. 413.223,14 euros.

-Mellora das condicións de accesibilidade en diferentes puntos da cidade. 206.611,57 euros.

-Diferentes actuacións no rural por 2.264.540,65 euros.

Avanzar na mellor gobernanza e noutro modelo de cidade:
-Mantemento integral de infraestrutura de servidores. 363.636,36 euros.

-Mantemento integral de telecomunicacións (e da infraestrutura de seguranza composta por dobre barreira de cortalumes). 826.446,28 euros.

-Servizo CAU. 330,578,51 euros.

-Prestación do servizo auxiliar de depósito, custodia, xestión de arquivos, recollida e envío de expedientes e documentos. 408.562,00 euros.

-Redacción de planos de autoprotección para edificios, actividades e locais municipais. 360.000,00 euros.

-Servizos para a transformación dixital e promoción do comercio local Proxecto Commarket Santiago. 675.000,00 euros.

Compartir: