PROMOCIÓN ECONÓMICA

Reunida a Comisión de Seguimento do Plan Estratéxico da Ourivería

23/04/2024 Este mediodía reuniuse a Comisión de Seguimento do Plan Estratéxico da Ourivería, presidida pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. A xuntanza tiña como obxectivo avaliar o desenvolvemento do Plan Estratéxico e avanzar nalgúns proxectos que se prevé poñer en marcha ao longo deste ano. Tamén participou a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Miriam Louzao.

Na xuntanza avanzouse na posibilidade de poñer en marcha un plan de análise da autenticidade do acibeche, co obxectivo de garantir que o produto que se vende en Santiago é realizado na nosa cidade, así como a súa calidade e orixinalidade. Neste proxecto, prevese a colaboración da Universidade de Santiago. Tamén se avaliaron outras actuacións como a organización de exposicións e exhibicións ao vivo para mostrar o traballo dos ourives, que se realizarán de maneira estable; así como a posta en marcha de campañas para promocionar e divulgar a ourivería de Compostela. Neste sentido, estudáronse posibles vías de colaboración co Arcebispado de Santiago e coa SD Compostela.
A concelleira de Promoción Económica reiterou "o compromiso do Concello de Santiago co sector da ourivería, polo seu traballo cada día na posta en valor do oficio, na procura de relevo xeracional, en seguir construíndo a identidade propia de Compostela co seu traballo".
Na reunión da Comisión de Seguimento do Plan Estratéxico da Ourivería participaron a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Miriam Louzao; o presidente da asociación Ourives de Compostela, Enrique Fink; a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; o xerente da SD Compostela, Miguel Fernández; e Mario Cotelo, delegado de Patrimonio do Arcebispado de Santiago, así como representantes da Xunta de Galicia.

Compartir: