CAPITAL CULTURAL

Amplíase ata o 29 de abril o prazo de inscrición no laboratorio de movemento ‘SOMA’

23/04/2024 O coreógrafo e investigador Javier Martín conduce este obradoiro teórico-práctico que busca achegar ao público o proceso de creación e posta en escena dun espectáculo de danza. Desenvolverase no Teatro Principal o día 2 de maio en dúas quendas independentes, de mañá e tarde, con 30 prazas dispoñibles cada unha delas. A participación é gratuíta previa inscrición no formulario habilitado na páxina web de Compostela Cultura

Compostela Cultura estende até o 29 de abril o prazo de inscrición no ‘SOMA | Laboratorio Cinestésico’, un obradoiro conducido polo coreógrafo e investigador Javier Martín que afonda no proceso de ideación, desenvolvemento e posta en escena dun espectáculo de danza.

O ‘Laboratorio SOMA’ terá lugar no Teatro Principal o xoves 2 de maio e ofrecerá dúas sesións teórico-prácticas independentes en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 19 horas) con capacidade para 30 persoas cada unha. A peza 'O punto impropio (A/S/V)', que Martín presenta no Teatro Principal o día 3 de maio, serve de punto de partida para estas sesións de traballo con base nas ciencias e as artes do movemento que transitarán pola experimentación dunha serie de conceptos, técnicas e exercicios encamiñados a acompañar e afinar a percepción, comprender as relacións entre as sensacións físicas e as linguaxes que utilizamos, entre o corpo, a súa materialidade, e os procesos que median na conciencia que temos del.

Nelas proporanse accións sinxelas -manipulacións físicas, traballo con imaxes, meditacións para situar a atención, análise da presenza...-que conectan coa motilidade inherente ao corpo, o estudo dos seus sistemas dinámicos e os fulcros do patrón tensional coas súas lóxicas e inercias; realizarase diferentes mapeados do corpo e a transmisión de conceptos e técnicas para o traballo coas texturas de movemento, activaranse pequenas improvisacións situadas, e debates para asumir o quefacer crítico por parte do grupo. A práctica busca así axudar a asumir o movemento como paradigma cognitivo.

A actividade é de especial interese para intérpretes de artes escénicas, estudantes de Belas Artes, Comunicación, Historia da Arte, Filoloxía e Filosofía, pero está aberta a calquera persoa interesada no tecido dun espectáculo creativo e para participar nela non son precisos coñecementos previos de danza.

A asistencia é de balde previa inscrición no formulario habilitado na páxina web de Compostela Cultura. As prazas existentes en ambos os grupos iranse completando por estrita orde de rexistro e a reserva confirmarase a través de correo electrónico.

Direccións relacionadas



Compartir: