XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o contrato para a redacción do proxecto das obras de rehabilitación do complexo deportivo de Santa Isabel

12/02/2024 As obras de rehabilitación integral do polideportivo de Santa Isabel, confinanciadas con Fondos NextGeneration, contan cun orzamento global de preto de 3 millóns de euros e permitirán mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo.

O executivo local deu luz verde á adxudicación do contrato de redacción do proxecto e dirección facultativa da rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cofinanciado polos Fondos NextGeneration nun 80%, a Jorge Barata Martínez por un importe de 298.323,18 euros, IVE incluído.

As obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2.975.903,26 euros, dos cales 2.340.149 euros se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo, construído en 1983, o que o converte nun dos edificios deportivos municipais máis antigos da cidade.

Unha das prioridades será a da mellora da eficiencia enerxética, coa posta en marcha dunha serie de medidas destinadas non só a reducir o consumo de enerxía do edificio e as emisións, senón tamén a mellorar as súas condicións térmicas interiores e adaptalo á normativa actual.

Entre as melloras que se levarán a cabo están a incorporación de novos revestimentos na envolvente térmica da fachada e a cuberta para facilitar o illamento térmico. Instalaranse tamén dúas bombas de calor, unha para a produción térmica do edificio, que apoie as caldeiras existentes para a produción de calor e de frío nos espazos actuais, e outra para a produción de ACS e quecemento de piscina.

Tamén se prevé mellorar o sistema de ventilación coa substitución dos actuais ventiladores por equipos con recuperación de calor; e o cambio das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED para conseguir un importante aforro enerxético, así como a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio.

Dedicarase unha partida de 25.228 euros para mellorar a sustentabilidade coa instalación de elementos de grifería en duchas, lavabos e inodoros que permitan unha redución do consumo de auga, sen rebaixar prestacións aos usuarios.

Tamén se levarán a cabo importantes intervencións para mellorar a accesibilidade ao pavillón polideportivo, co conseguinte traslado do acceso xeral á praza mediante unha escalinata e unha rampla lateral, que permitan un acceso amplo, cómodo e ben dimensionado, que poida repartir o público nas bancadas e que facilite a evacuación en caso de incendio. Prevese, ademais, a incorporación dun ascensor e dunha pasarela, así como a mellora da accesibilidade en aseos e vestiarios adaptados.

No apartado de habitabilidade e seguridade, prevese a adaptación das saídas de emerxencia, renovando a súa sinalización e os mecanismos de apertura, así como a renovación completa da instalación contraincendios. Tamén se adaptarán escaleiras e bancadas, incorporando varandas, pasamáns, e axustando banzos e espazos de acceso.

Por último, dedicarase unha partida para a revisión, reparación e mellora das cubertas da piscina (madeira) e o pavillón (estrutura espacial metálica). Tamén se aproveitará para renovar o local de filtración de piscinas e do seu equipamento, a adaptación da acometida eléctrica do edificio, a renovación de pavimentos de beirarrúas na contorna e acceso ao complexo.

PIREP

Tanto a actuación no pavillón de Santa Isabel como a pavillón de Vite resultaron beneficiarias da Liña 1 do PIREP Local, o programa de axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a través dos fondos europeos Next Generation EU. O custo total dos dous proxectos será de 4.301.180,12 euros, cunha achega do Goberno central de 3.319426,96 euros e de 981.753,16 euros de fondos propios do Concello.

Outros asuntos

Nesta sesión, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao nomeamento de Pablo Fuentes López como director de Área de Planificación e Xestión Tecnolóxica do Concello de Santiago de Compostela.

Compartir: