PROMOCIÓN ECONÓMICA

A igualdade de oportunidades e a cohesión social centrarán a temática do 5º Encontro Emprendedor

08/06/2023 O ciclo de Encontros Emprendedores ten marcada a súa vindeira cita o día 20 de xuño, ás 10:00 horas no Espazo galego da Creatividade. Os Encontros Emprendedores presentan iniciativas empresariais desenvoltas en Santiago, que dan resposta aos retos identificados pola cidadanía de cara aos vindeiros anos.

A celebración destes Encontros persegue dous obxectivos principais: por unha banda, dar a coñecer o Plan de Acción da Axenda Urbana 2030; e por outra, establecer un espazo de encontro, diálogo e debate entre experiencias inspiradoras que motiven ás persoas asistentes a xerar iniciativas económicas arredor dos valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Nesta ocasión, baixo o título "A igualdade de oportunidades e a cohesión social: promovendo actitudes por un mundo mellor", o Encontro Emprendedor abordará a experiencia empresarial da consultoría Promove, liderada en Compostela por tres mulleres que deciden emprender tras a crise de 2008.

Da man de Fátima Roríguez poderemos coñecer máis polo miúdo este proxecto, enfocado na promoción da igualdade e da xustiza social. Teremos a oportunidade de coñecer proxectos relacionados coa recuperación da memoria e identidade de mulleres rurais, a promoción de boas prácticas empresariais en empresas compostelás, ou os Campus emprendemento, un proceso de formación práctica dirixido á mocidade.

Nunha segunda parte do Encontro Emprendedor resérvase un espazo de conversa onde intercambiar ideas e experiencias coas persoas asistentes. Así mesmo, Creativas Galegas ofrecerá un almorzo de produtos galegos.

Este 5º Encontro Emprendedor terá lugar o martes 20 de xuño, entre as 10 e as 12:30 horas, no Espazo galego da Creatividade (Creativas Galegas - Caldeirería 36). As inscricións están abertas e son de balde, a través deste enlace.

Para máis información, podes escribir a encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.

Encontros emprendedores

O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e tamén facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

Os Encontros Emprendedores estanse a desenvolver ao longo do 2023 coas seguintes temáticas:

Marzo: Modelo de cidade
Abril: Cambio climático e resiliencia
Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
Xuño: Mobilidade e transporte
Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
Agosto: Economía urbana
Setembro: Vivenda
Outubro: Era dixital
Novembro: Gobernanza

Compartir: