ACCIÓN CULTURAL

A concelleira de Acción Cultural reivindica o papel dos medios en galego e a súa relevancia na normalización da lingua

07/02/2023 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiu esta mañá á presentación do acto con motivo do Día dos Medios en Galego, data que lembra a daída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua.

Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego, unha data que lembra a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua. Aló por 1876, Valentín Lamas Carvajal editaba en Ourense 'O Tío Marcos d'A Portela'.

Para celebralo, como previa do minifestival de música galega contemporánea deste xoves 9 ás 20:30h na Sala Capitol con Ortiga e Grande Amore, este propio martes 7, celebrouse unha rolda de prensa de presentación no Pazo de San Roque, a sede da Secreataría Xeral de Política Lingüística, coa presenza do presidente da organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García (de Radio Estrada), Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e os artistas Ortiga e Grande Amore.

Arrincou a rolda Pablo García agradecendo a colaboración dende o primeiro da SXPL, así como do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña "Nos últimos anos consolidamos en Galicia unha rede estable de medios de comunicación que constituén un soporte para unha información veraz, plural e participativa en galego. Os medios en galego contribuímos á existencia dunha oferta informativa real na nosa contorna e da nosa contorna, cunha ollada galega. Do mesmo xeito conseguimos que o resto do mundo se entere do que acontece en Galicia, novas, avances tecnolóxicos e científicos, gastronómicos, turismo, industria...", indicou. A asociación acolle a 130 medios de todos os ámbitos: TV, RADIO, Prensa Escrita, Dixitais..."que cobren todas as necesidades de información e lecer: medios xeralistas e especializados, que non só é que utilicen como lingua vehicular o galego, senón que difunden e posibilitan o xeito de vivir en galego".

Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón tomou a palabra e puxo o foco en que "o futuro xa está aquí con Grande Amore e Ortiga", como se comprobou coa rápida venda de entrada, facendo patente esa conexión coa xente máis moza. "É importante reivindicar este día para visibilizar esa eiva de que a meirande parte da oferta informativa está en castelán e que os datos do uso do galego son moi comprometidos, onde a perda de galegofalantes se acentúa sobre todo nas novas xeracións. Semella que o 50% da docencia en galego non é suficiente, cando a área ciencia-tecnolóxica queda fora desta porcentaxe".

Lembrou que "o Concello de Santiago foi pioneiro nos anos 80 na normalización e seguimos facéndoo a través dos espazos máis tradicionais e dende o eido empresarial e económico". "Estamos no mesmo barco que os medios en galego, un barco ao que aínda lle seguen faltando apoios para enderezar o seu rumbo, para que a lingua galega se consolide nos medios, que sería fundamental para a supervivencia do meirande patrimonio que temos en Galicia, que é a nosa lingua". "Eu vou mover tamén a lingua para que os medios en galega teñan o seu espazo", prometeu.

Valentín García destacou a cifra de 130 medios na nosa lingua, "un dato para estar orgullosos, pero non para baixar a intensidade. Nunca houbo tantos medios como agora na nosa lingua, pero todas as administracións temos que seguir fomentando a creación de información nos medios máis próximos á mocidade, como redes sociais, dixitais, radios, tv... Porque recibir información na nosa lingua é como recibir unha información máis nosa".

O FESTIVAL

O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30h, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago, AMEGA organiza na Sala Capitol un minifestival de música galega contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga.
As entradas, que saíron este luns, agotáronse en apenas 2 horas, polo que está colgado o cartel de #Nonhaientradas.

Compartir: