CIDADES PATRIMONIO

Constituída a nova Comisión Executiva das Cidades Patrimonio da Humanidade

17/01/2022 Hoxe constituíuse a nova Comisión Executiva do Grupo, presidida polo alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, que precede á primeira Asemblea de Alcaldes e Alcaldesas e a presentación dos plans de acción o próximo venres 21 de xaneiro en FITUR. O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, convértese no novo vicepresidente segundo e presidente da Comisión de Educación, Cultura e Deporte.

O alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, presidiu hoxe a primeira reunión da nova Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, previa á primeira Asemblea de Alcaldes e Alcaldesas, que se celebra o venres 21 en FITUR.

Na devandita reunión, o presidente do Grupo e alcalde de Salamanca asumiu ademais a presidencia da Comisión de Turismo durante a constitución do novo órgano de goberno do Grupo.

Ademais do presidente, forma parte da Comisión Executiva tamén o alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez, que ostenta a vicepresidencia primeira e presidencia da Comisión de Patrimonio.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, é o novo vicepresidente segundo e presidente da Comisión de Educación, Cultura e Deporte.

Ademais, a alcaldesa de Segovia, Clara Luquero de Nicolás, asume a vicepresidenta terceira e Antonio Rodríguez Osuna, alcalde de Mérida, será o vicepresidente cuarto.

Cidades Patrimonio en FITUR

En relación coa cita en FITUR, a Comisión Executiva confirmou que o vindeiro venres 21, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade celebrará o seu día na Feira Internacional de Turismo.

Segundo avanzou o presidente do Grupo, os alcaldes e alcaldesas celebrarán a primeira Asemblea do ano na caseta de Castela e León, na que se ratificarán os asuntos abordados na reunión da Comisión Executiva de hoxe.

Ademais, a axenda de actividades do Grupo na Feira Internacional incluirá a presentación dos plans de acción que se desenvolverán en 2022 con Turespaña e con Paradores.

Compartir: