XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o pagamento das axudas para o rescate do comercio, das que se beneficiarán 481 establecementos

18/10/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o pagamento das axudas para o rescate do comercio, das que se van beneficiar 481 establecementos. Tamén deu luz verde á licitación dos contratos para as obras de acondicionamento do Camiño de Fisterra en Vilariño de Abaixo (Quintáns-Villestro) e de mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro; e acordou suprimir o mercado dos sábados en Fontiñas. Dos asuntos tratados informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O executivo municipal aprobou a "Concesión, xustificación e pagamento das axudas para o rescate do comercio local afectado pola COVID 19. Anualidade 2021", a 481 das solicitudes presentadas polos establecementos comerciais. Suman un total de 1.684.500 euros. Desta cantidade, 500.000 irán con cargo ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a deputación da Coruña; e o resto, 1.184.500 euros serán asumidos polo concello.

Segundo informou o alcalde, 43 solicitudes foron denegadas "por non cumprir algún dos requisitos da convocatoria" e unha delas foi retirada. A Xunta de Goberno tamén acordou liberar o crédito remanente por importe de 219.500 euros, que se destinarán, segundo explicou Sánchez Bugallo, a reforzar a programación de Nadal do departamento de comercio, que ten como obxectivo a dinamización do sector e a incentivación do consumo no comercio local.

Por outra banda, aprobouse o gasto relativo á "Convocatoria de axudas para o rescate da restauración, hospedaxe e turismo do concello de Santiago afectado pola crise da COVID-19. Anualidade 2021, por importe de 1.747.105 euros.

Obras da Concellería de Medio Rural
O alcalde tamén destacou a aprobación da licitación dos traballos de "Acondicionamento do Camiño de Fisterra en Vilariño de Abaixo (Quintáns-Villestro)" e de "Mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro", promovidos pola concellería de Medio Rural. Unhas obras que se enmarcan dentro do plan POS+ que desenvolve o Concello de Santiago en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

A actuación para o acondicionamento do Camiño de Fisterra ten un orzamento de 182.041 euros e un prazo de execución de cinco meses. O seu deseño tivo que coordinarse coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e coa Deputación Provincial da Coruña. Procederase, dentro dos terreos de titularidade municipal, ao acondicionamento dun tramo do Camiño de Fisterra ao seu paso polo lugar de Quintáns e tamén do camiño de Tras Igrexa; mediante a pavimentación con mestura bituminosa en quente e a mellora das marxes dos devanditos viarios e da súa rede de drenaxe de augas pluviais. De xeito complementario, ampliaranse as redes municipais de abastecemento e saneamento, e executarase a obra civil necesaria para o futuro soterramento das redes de alumeado público, enerxía eléctrica e telecomunicacións.

O acondicionamento de centro sociocultural de Villestro ten un orzamento de 63.326,80 euros e un prazo de execución de tres meses. Con estas obras resolverase as "lesións" detectadas na edificación, de forma que recupere as condicións mínimas esixibles de acondicionamento para o mantemento do seu uso actual en óptimas condicións como centro sociocultural. As actuacións consistirán na eliminación de humidades de filtración da cuberta, renovación dos acabados interiores deteriorados, illamento do cerramento exterior e supresión de pontes térmicas, substitución da carpintería exterior, revisión da instalación do ascensor e mantemento dos mecanismos das carpinterías interiores. Tamén se procecerá á pavimentación do camiño exterior de acceso peonil do edificio.

Mercado das Fontiñas
Por outra banda, o executivo municipal acordou non autorizar a creación dun mercadiño de venta ambulante na rúa París do barrio de Fontiñas. A razón é que, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, estas non acadan os dous requisitos mínimos que a base primeira das aprobadas determina como condición para o establecemento do mesmo: contar cun mínimo de 65 postos, e que do total dos postos, un máximo do 60% se destinen á venda de textil, calzado e confección e o 40% restante a outras actividades.

Polo tanto, ao non darse esa diversificación da actividad, acordouse suprimir, a partir deste sábado, a celebración do mercado semanal que mediante autorización temporal e de carácter excepcional, se realizaba durante a mañana dos sábados na rúa París no barrio de Fontiñas. Explicouno o alcalde, quen sinalou que a súa continuación non "tiña razón de ser", xa que, ao irse abrindo os mercadiños doutros concellos, cada vez había menos postos. Sánchez Bugallo recoñeceu que sí funcionou durante a pandemia, pero agora xa non. En todo caso, non se descarta a posibilidade, indicou, de que se poida celebrar de novo pero en "momentos puntuais".

Compartir: