DEPORTES

O Concello de Santiago asina convenios con cinco entidades deportivas por un importe de 171.000 euros

05/12/2020 O Concello de Santiago asinou esta semana cinco convenios con distintas entidades deportivas por un importe de 171.000 euros que se destinarán a subvencionar parte dos gastos derivados das competencións e das súas actividades durante o ano 2020. Os asinantes son: Club Sociedade Deportiva Compostela, Club Santiago Futsal, Club Triatlón Santiago, Club Arteal Tenis de Mesa e Club Atlétismo Santiago.

O Concello de Santiago estima importante establecer acordos de colaboración coas mencionadas entidades co fin de garantir a súa presenza na elite do deporte de competición; polo que supón para a promoción da cidade; e porque os considera un exemplo e motivación para o deporte de base.

En virtude destes convenios, con vixencia desde o 01 de xaneiro ao 31 de decembro de 2020, os clubs comprométese durante este período, a colaborar na difusión daquelas iniciativas de carácter deportivo que desenvolva e determine o departamento de Deportes e que contribúan a promoción da actividade física e deportiva da cidade.

SD COMPOSTELA
O acordo entre o concello de Santiago de Compostela e a Sociedade Deportiva Compostela establece unha achega de 65.000 euros, co obxecto de subvencionar parte dos gastos necesarios para que o club compita durante o ano 2020 na Liga Nacional de 3ª división ou superior, máxima categoría deportiva da cidade na modalidade fútbol senior masculino, así como, nas diferentes competicións derivadas dos resultados obtidos.

Segundo recolle o convenio, o goberno municipal considera que a S.D. Compostela é o club máis representativo a nivel local na modalidade de fútbol, dado que está a participar en categoría de carácter nacional (3ª división e 2ª división B), o que o converte nun referente local a nivel deportivo e social. Estes 65.000 euros, vinculados ás tempadas 2019/20 e 2020/21, están destinados a financiar gastos como desprazamentos, seguridade privada, material médico, material deportivo, material COVID, manutención ou arbitraxes, durante o periodo comprendido entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro de 2020, data límite de xustificación dos conceptos subvencionables.

En virtude deste convenio o club comprométese a colocar valados publicitarios co lema Concello de Santiago en zonas visíbeis nos recintos deportivos de Santiago nos que celebre os seus encontros, a colocar o anagrama e o lema do concello na camiseta de competición; e a publicitar a colaboración na cartelería que anuncia nos encontros, así como na páxina web e redes sociais.

SANTIAGO FUTSAL
O acordo entre o concello de Santiago de Compostela e Santiago Futsal establece unha achega de 65.000 euros, co obxecto de subvencionar parte dos gastos necesarios para que o club compita durante o ano 2020 na Liga de Segunda División Nacional na modalidade de fútbol sala senior masculino.

Segundo recolle o convenio, o goberno municipal considera que o Santiago Futsal é o club máis representativo a nivel local na modalidade de fútbol sala, dado que está a participar no momento da tramitación deste convenio na segunda división nacional, o que o converte nun referente local a nivel deportivo e social. Estes 65.000 euros, vinculados ás tempadas 2019/20 e 2020/21, están destinados a financiar gastos como desprazamentos, material sanitario e de limpeza, aloxamento e manutención, servizo de fisioterapia, adestradores, ou lavandaría, durante o periodo comprendido entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro de 2020, data límite de xustificación dos conceptos subvencionables.

En virtude deste convenio o club comprométese a colocar valados publicitarios co lema Concello de Santiago en zonas visíbeis nos recintos deportivos de Santiago nos que celebre os seus encontros, a colocar o anagrama e o lema do concello nunha zona visible da camiseta de competición; e a publicitar a colaboración nos carnés dos abonados, nas entradas, na cartelería e publicacións que anuncien as súas actividades, así como na páxina web e redes sociais.

CLUB TRIATLÓN SANTIAGO
O acordo entre o concello de Santiago de Compostela e o Club Triatlón Santiago, establece unha achega de 20.000 euros, co obxecto de subvencionar parte dos gastos necesarios para que a entidade deportiva compita cos seus equipos Elite Absoluto Masculino e Feminino na Liga de Clubs de Primeira División Nacional de Triatlón e Duatlón durante o ano 2020.

Segundo recolle o convenio, o goberno municipal considera que o Club Triatlón Santiago é o máis representativo a nivel local na modalidade de triatlón e/ou duatlón, dado que está a participar na primeira división nacional do triatlón masculino e feminino -máximas categorías neste deporte na cidade-, o que o converte nun referente local a nivel deportivo e social. Estes 20.000 euros están destinados os financiar gastos derivados das competicións nas que participa, como material deportivo, gastos federativos e licenzas, adestrador, etc, durante o ano 2020. A data límite de xustificación dos conceptos subvencionables é o 10 de decembro.

En virtude deste convenio o club comprométese a colocar valados publicitarios co lema Concello de Santiago en zonas visíbeis nos recintos deportivos de Santiago nos que celebre os seus campionatos, a colocar o anagrama e o lema do concello no material de competicion e no chandal de paseo, e a publicitar a colaboración nos carnés dos abonados, nas entradas, na cartelería e publicacións que anuncien as súas actividades, así como na páxina web e redes sociais. Outro dos compromisos era a organización da proba "Cidade de Santiago", prevista para novembro, pero aprazada ata o vindeiro ano, a causa das restriccións sanitarias.

CLUB ARTEAL TENIS DE MESA
O acordo entre o concello de Santiago de Compostela e o Club Arteal Tenis de Mesa, establece unha achega de 12.000 euros, co obxecto de subvencionar parte dos gastos necesarios para que a entidade deportiva compita durante o ano 2020 na Superdivisión masculina de tenis de mesa, así como nas diferentes probas derivadas dos resultados obtidos na Superdivisión.

Segundo recolle o convenio, o goberno municipal considera que o Club Arteal Tenis de Mesa é o máis representativo a nivel local na súa modalidade, dado que está a participar na Superdivisión masculina de Tenis de mesa –máxima categoría neste deporte-, o que o converte nun referente local a nivel deportivo e social. Estes 12.000 euros, vinculados ás tempadas 2019/20 e 2020/21, están destinados a financiar gastos como material gráfico e deportivo, desprazamentos, aloxamento e manutención; gastos sanitarios, ou adestradores, durante o periodo comprendido entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro de 2020, data límite de xustificación dos conceptos subvencionables.

En virtude deste convenio o club comprométese a colocar valados publicitarios co lema Concello de Santiago en zonas visíbeis nos recintos deportivos de Santiago nos que celebre os seus encontros, a colocar o anagrama e o lema do concello no material de competicion e no chandal de paseo, e a publicitar a colaboración nos carnés dos abonados, nas entradas, na cartelería e publicacións que anuncien as súas actividades, así como na páxina web e redes sociais.

CLUB ATLETISMO SANTIAGO
O acordo entre o concello de Santiago de Compostela e o Club Atletismo Santiago, establece unha achega de 9.000 euros, co obxecto de subvencionar parte dos gastos necesarios para que a entidade deportiva compita durante o ano 2020 na categoría nacional e na categoría autonómica.

Segundo recolle o convenio, o goberno municipal considera que o Club Atletismo Santiago é o club máis representativo a nivel local na modalidade de atletismo en pista, dado que está a participar con varios/as atletas nos Campionatos de España a nivel individual e por equipos, así como en campionatos de ámbito autonómico, o que o converte nun referente local a nivel deportivo e social. Estes 9.000 euros están destinados os financiar gastos derivados das competicións nas que participa, como licenzas, desprazamentos, aloxamento ou equipacións durante o ano 2020. A data límite de xustificación dos conceptos subvencionables é o 10 de decembro.

En virtude deste convenio o club comprométese a publicitar a colaboración do Concello de Santiago nos carnés dos abonados, entradas, publicacións e cartelería en xeral que anuncie as súas actividades; así como na páxina web e redes sociais.

Compartir: