EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Teatro Principal acolleu o recital "As sensombreiro" con motivo do Día do Libro

23/04/2018 O concelleiro de Educación, Manuel Dios, asistiu no Teatro Principal ao recital poético e musical "As sensombreiro", a cargo de Paco Damas, con motivo do Día do Libro. Alumnado de secundaria e de 5º e 6º de Primaria encheu o Teatro Principal para asistir a esta reivindicativa proposta didáctica.

O recital de Paco Damas xirou en torno ás "Sensombreiro", unha xeración de mulleres pintoras, poetas, novelistas, ilustradoras, escultoras e pensadoras que gozaron de éxito internacional e cambiaron as normas sociais e culturais dos anos 20 e 30. O recital estivo dedicado á galega Maruja Mallo, fundadora deste movemento, interpretada nesta ocasión pola actriz Iria Piñeiro.

No acto deste luns púxose música ás poetas do 27 (María Zambrano, María Teresa León, Rosa Chacel, Josefina de la Torre, Ernestina de Champourcín, Carmen Conde, Concha Méndez e Ángela Figuera).

"As sensombreiro" é tamén un proxecto cultural, musical, educativo e interactivo que se achega aos institutos dun xeito didáctico, coa presentación para o alumnado nun formato que contén doce cancións e unha plataforma interactiva para realizar actividades. Ademais, o alumnado, mais tamén o profesorado, conta cunha guía co obxectivo de visibilizar, dende a literatura e a música ás "Sensombreiro".

O programa está ademais pensado e composto en feminino, con once colaboracións musicais como Rozalén, Carmen París, Marina Heredia, Carmen Linares, Pilar Jurado, La Shica, Roko, Clara Montes, Amparo Sánchez (Amparanoia), Argentina e Cristina del Valle.

Compartir: