POLÍTICAS SOCIAIS

Xa se poden solicitar as prestacións sociais de "Compostela Máis"

05/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, anunciou esta mañá que xa está en vigor a ordenanza Compostela Máis de garantía básica cidadá, composta pola Renda Municipal e polas Prestacións de Rescate Social.

Concha Fernández explicou que as persoas que cumpran os requisitos poderán acceder ás axudas poderán facelo nos Puntos de Atención Social de Cabes, Fontiñas, O Ensanche e Galeras solicitando cita no 981 542 465. "Ademais, a finais deste mes teremos tamén a disposición da veciñanza unha páxina web, que se chamará mais.social.santiagodecompostela.gal, onde teremos toda a información sobre a ordenanza, criterios de acceso, requisitos, etc".

Guía para a cidadanía
A concelleira de Políticas Sociais anunciou que se porán en marcha unhas guías para a veciñanza onde quedará reflectida toda a información sobre a ordenanza e unha serie de preguntas e respostas que responderán ás dúbidas que poida haber en relación a ambos recursos. As guías estarán dispoñibles en dúas linguas, en galego por unha parte e noutras linguas como o español, romanés, portugués, inglés, francés, italiano e árabe. "Non é casual", engadiu a concelleira, "xa que en Compostela temos 3.626 persoas de nacionalidade estranxeira, fundamentalmente das nacionalidades nas que editaremos e publicaremos a guía".

Finalmente e para garantir que esta información chegue ao maior número de persoas posibles, manterase unha xuntanza nos vindeiros días coas entidades sociais da cidade para facerlle chegar as guías e lembrarlles as características tanto da Renda como das Prestacións.

Renda Municipal de Garantía Básica
A Renda Municipal de Garantía Básica é unha prestación económica, extraordinaria e temporal que está vencellada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade social ou en situación ou risco de exclusión social.

O obxectivo pasa porque cada persoa poida facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios. Poden acceder a ela as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en Santiago e que se atopen en situación de vulnerabilidade social. As persoas beneficiarias deberán incorporarse a un itinerario de inclusión social.

Establécese o acceso no 100% do IPREM para o ano en vigor e increméntanse as contías, de tal forma que irán dos 523,51 euros ata os 798,58 euros. A duración da renda será de 12 meses prorrogables a 24, segundo informe de servizos sociais.

Prestacións de Rescate Social
As Prestacións de Rescate Social son un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente, destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte a necesidades básicas. Para este caso tamén se modifican os requisitos de acceso, reducindo a tres meses o tempo mínimo de empadroamento e simplificando a xestión.

Compostela + recolle 5 tipos de prestacións. Entre elas están as prestacións para a cobertura de necesidades básicas como alimentación diaria, vestido, aloxamento e habitación, coidados básicos, etc., ata un máximo de 399,38 euros, cubrindo o 75% do alugueiro como máximo ou o 100% no caso de non existir ningún outro recurso.

As prestacións de habitabilidade e pobreza enerxética e equipamento básico de vivenda inclúen débedas por subministro de luz ou gas, débedas da comunidade de propietarios, por endebedamento previo… As contías tamén se elevan, indo dende os 532,51 euros aos 1065,02.

O terceiro tipo de prestacións son as prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades, que son gastos asociados ás axudas técnicas que precise unha persoa en situación de dependencia ou con discapacidade valorada pola administración competente. Excepcionalmente, outorgaranse tamén axudas para próteses oculares ou auditivas por problema sanitario e non estético, diagnosticadas por facultativo do sistema público de saúde. As contías pasan dos 655 euros do Santiago Suma aos 931 desta nova ordenanza.

Ademais incorpóranse dúas novas prestacións, a de fomento do dereito á educación para estudos non obrigatorios, onde se cobren gastos de manutención, transporte, etc. e as prestacións para saúde bucoental. Dentro destas últimas entrarían limpezas, empastes, endodoncias… A concelleira destacou que "son dúas prestacións ás que lle temos especial querencia, por ir máis alá da mera emerxencia social e atender cuestións que supoñen unha diferenza entre as persoas con máis e menos recursos".

Documentos relacionados



Compartir: