POLÍTICAS SOCIAIS

O Goberno local presenta a ordenanza Compostela +, formada pola renda básica municipal e as prestacións de rescate social

06/06/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, deu conta esta mañá dos detalles da nova ordenanza Compostela +, aprobada o pasado venres en Xunta de Goberno e que será sometida á consideración do resto de grupos municipais no Pleno ordinario do mes de xuño. A proposta xa foi presentada á oposición e ás entidades sociais da cidade, que a enriqueceron aportando as súas achegas.

Compostela + "busca superar os problemas cos que naceu a Santiago Suma por estar suxeita á lei de subvencións, o que impedía que as persoas que tiveran débedas coas administracións públicas puidesen acceder ás axudas", indicou Concha Fernández. Compostela + muda radicalmente o enfoque, introducindo como marco legal a Lei de Servizos Sociais de Galicia. Dende o Goberno local "entendemos que é un paso estritamente necesario para superar os problemas de execución da ordenanza anterior, ademais de entender os servizos sociais como unha cuestión de dignidade e non de beneficencia", apuntou.

A proposta está respaldada por informes xurídicos que avalan este cambio no marco normativo. Ademais a Xunta está a piques de sacar un decreto que ampara que este tipo de prestacións estean fóra da lei de subvencións. Para a concelleira, é unha ordenanza cun plantexamento moi novidoso, ao sacala da lei de subvencións, que "esperamos poida servir de referencia para outros concellos do país e do conxunto do Estado".

Renda Municipal de Garantía Básica
Trátase dunha prestación económica, extraordinaria e temporal que está vencellada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade social ou en situación ou risco de exclusión social.

O obxectivo pasa porque cada persoa poida facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios. Poden acceder a ela as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en Santiago e que se atopen en situación de vulnerabilidade social.

Establécese o acceso no 100% do IPREM para o ano en vigor e increméntanse as contías con respecto ao Santiago Suma de tal forma que as contías a percibir irán dos 523,51 euros ata os 798,58 fronte dos 399,38 aos 697,58 do Santiago Suma.

Tamén se incrementa a duración da renda, sendo de 12 meses prorrogables a 24 segundo informe de servizos sociais.

Prestacións de rescate social
Son un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente, destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte a necesidades básicas. Para este caso tamén se modifican os requisitos de acceso, reducindo a tres meses o tempo mínimo de empadroamento e simplificando a xestión.

Compostela + recolle 5 tipos de prestacións. A primeira son as prestacións para a cobertura de necesidades básicas como alimentación diaria, vestido, aloxamento e habitación, coidados básicos, etc, ata un máximo de 399,38 euros, cubrindo o 75% do alugueiro como máximo ou o 100% no caso de non existir ningún outro recurso.

Outras son as prestacións de habitabilidade e pobreza enerxética e equipamento básico de vivenda, que inclúen débedas por subministro de luz ou gas, débedas da comunidade de propietarios, por endebedamento previo… As contías tamén se elevan en relación ao Santiago Suma, indo dende os 532,51 euros aos 1.065,02.

O terceiro tipo de prestacións son as prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades, que son gastos asociados ás axudas técnicas que precise unha persoa en situación de dependencia ou con discapacidade valorada pola administración competente. Excepcionalmente, outorgaranse tamén axudas para próteses oculares ou auditivas por problema sanitario e non estético, diagnosticadas por facultativo do sistema público de saúde. As contías pasan dos 655 euros do Santiago Suma aos 931 desta nova ordenanza.

Ademais incorpóranse dúas novas prestacións: a de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios, onde se cobren gastos de manutención, transporte, etc, e as prestacións para saúde bucoental. Dentro destas últimas entrarían limpezas, empastes, endodoncias…

A ordenanza Compostela + "é o resultado de moitos meses de traballo", segundo apuntou Concha Fernández, quen recoñeceu "sentirse orgullosa de poder sacala adiante". En todo caso, a aprobación definitiva dependerá do apoio do resto de grupos da Corporación no pleno do mes de xuño.

Compartir: