EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Máis de 200 bailarinas e bailaríns participarán no certame "Compostela en Danza" este domingo no Auditorio de Galicia

26/05/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá o certame intercentros Compostela en Danza, unha experiencia de dinamización cultural que achega o mundo da danza aos escolares de entre 3 e 18 anos.

Terá lugar este domingo 29 de maio na Sala Brage do Auditorio de Galicia e está financiado cada ano pola Deputación da Coruña. Representa un esforzo que debe seguir sendo apoiado polo Concello debido á alta participación. Nesta edición participarán 207 bailaríns e bailarinas e espérase a asistencia de máis de 1.000 persoas.

Está dirixido ao alumnado dos centros adscritos ao mesmo, como son: San Xosé de Cluny, Pío XII, López Ferreiro, Xelmírez I, Rosalía de Castro e Casas Novoa.

A inclusión de propostas diversas relacionadas coa actividade de danza no programa xeral de actividades deste Departamento parte da súa consideración como un recurso importante no proceso educativo. Nos últimos anos son diversas as propostas que teñen como obxectivo incorporar a danza ao contorno sociocultural do escolar e da mocidade, deixando de ver a danza como un fenómeno estraño, illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais.

A danza é un factor de desenvolvemento global (cognitivo, afectivo, social e motriz) e de autorrealización persoal. Dende un punto de vista pedagóxico é un elemento favorecedor de todo tipo de aprendizaxes dado que proporciona ao alumno unha gran variedade de experiencias e estímulos, así como un conxunto de vivencias útiles e necesarias para o seu axeitado desenvolvemento.

En Educación Infantil, Primaria e Secundaria, a danza pode ser un recurso moi importante para a formación dos alumnos/as. A través da danza, o alumnado pon de manifesto a súa dimensión corporal, cognitiva e afectivo-social, sendo un recurso que se axusta ás suxestións metodolóxicas da etapa: organizar as aprendizaxes de xeito globalizado, procurando que sexan significativas, activas e axustadas ó xeito de aprender e ás posibilidades de cada un deles. Os escolares, mediante a danza, poden aprender a controlar o seu corpo, explorar o mundo que os rodea, resolver os seus problemas emocionais, ser seres sociais e ocupar un lugar na comunidade.

O concelleiro Manuel Dios aproveitou a rolda de prensa para agradecer o traballo de todas as profesoras e profesores durante o curso: Beatriz Viñal, no CEIP López Ferreiro e no IES Arcebispo Xelmírez I; Memé Martínez, Marta Alonso e Paula Quintas no CEIP Pío XII; Javier Magariños, no CEIP Arquitecto Casas Novoa; Silvia Miramontes, no IES Rosalía de Castro; e Sandra Valiñas no Colexio San José de Cluny.

Compostela rehabilita con enerxía
Do 24 de maio ao 18 de xuño, o Departamento de Educación e Cidadanía organiza en colaboración co Consorcio un laboratorio urbano de enerxía e talleres participativos dentro do Proxecto Effesus. Trátase dunha serie de conferencias, consultas e talleres didácticos dirixidos a toda a veciñanza da cidade.

Información e reservas no enderezo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 544 400.

Documentos relacionados



Compartir: