DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Santiago acolle o Northwest Startup Day

19/05/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois presentou o Northwest Startup Day (NOS Day), que se celebrará o vindeiro sábado 28 de maio no Palacio de Congresos. A concelleira estivo acompañada por dous dos organizadores do evento, David Pombar, CEO de SetPay, e Paloma Barreiro, directora de Barrabés Galicia.

NOS Day é un ciclo de conferencias concentrado nun día, ideado por cinco galegos que fundaron ou traballan en startups no exterior. O obxectivo do evento é aportar o maior valor posible a aquelas persoas implicadas en startups ou que pretenden desenvolver unha iniciativa empresarial destas características, a partires de coñecemento medido, validado e transferible.

Unha startup pode definirse como unha empresa de nova creación que presenta unhas grandes posibilidades de crecemento e, en ocasións, un modelo de negocio escalable. Aínda que termo de startup pode referirse a compañías de calquera ámbito, normalmente emprégase para aquelas que teñen un forte compoñente tecnolóxico e que están relacionadas con Internet e as Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

As startups tecnolóxicas, debido as súas características, acostuman diferenciarse doutras empresas novas nas súas posibilidades de crecemento e necesidades de capital. A gran maioría de startups non empregan fontes de financiamento tradicionais como poden ser créditos de bancos ou outros vehículos similares, optando polo capital aportado por inversores a cambio dunha porcentaxe da empresa naqueles casos nos que a startup non conte cun modelo de negocio dos seus primeiros meses de vida.

As conferencias do NOS Day correrán a cargo de persoas que desenvolveron ou traballan en startups de éxito. Estarán: Rubén Ferreiro, CEO do grupo VIKO e Business Angel de empresas coma Ulabox ou Glovo; Paloma Barreiro, directora de Barrabés Galicia e cofundadora de Atlantic MTA; Javier Gómez, ex directivo de banca que deixou o seu posto para crear todotaladros.com; Claudia Alcelay, de Certificación PM, que contará como o seu "side-project" chegou a formar a máis de 10.000 alumnos e alumnas en diferentes países; e Alberto Barreiro, responsable de experiencia do Grupo Prisa.

Toda a información sobre o evento pode consultarse na web nosday.com. Nesta páxina tamén se poden facer as inscricións.

Compartir: