TURISMO

Santiago participa en xaneiro nas feiras turísticas de Dublín, Estambul e Madrid

08/01/2013 Turismo de Santiago ten por obxectivo para este 2013 continuar aumentando a presenza do turismo internacional na cidade, seguindo a liña marcada no 2012 cando, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e a falta dos datos de decembro, se conseguiron os mellores datos de turismo internacional da serie histórica, cun crecemento acumulado do 12,57% respecto do ano 2011, superando incluso os datos de turismo internacional do Ano Santo 2010.

Así, neste mes de xaneiro, Turismo de Santiago estará presente por primeira vez nas feiras turística de Irlanda e Turquía, co obxectivo de potenciar dúas das conexións internacionais de Lavacolla: Dublín e Estambul. Ademais, participará en Fitur, a feira turística máis importante para o mercado español. Estas serán as primeiras accións do plan de promoción do 2013, que incluirá accións nos principais mercados internacionais da cidade.

A Holiday World Show celebrarase do 25 ao 27 de xaneiro en Dublín. Irlanda é un dos mercados con maior crecemento nos últimos anos na cidade, como amosan dous feitos complementarios. Por unha banda, estase producindo un crecemento importante no número de peregrinos irlandeses, que en 2012 foi o sexto país con maior número de peregrinos, con 3.844, un crecemento do 43% respecto ao ano 2011. Por outra banda, os bos datos da conexión de Aer Lingus entre Dublín e Santiago fixeron que a compañía ampliase os seus asentos dispoñibles, aumentando os voos entre ambas cidades en dous meses máis, dende abril ata outubro, e aumentase as frecuencias semanais nos meses centrais de verán, pasando de tres a catro.

Turismo de Santiago xa fixo unha campaña de promoción específíca para o mercado irlandés no 2012 cando, en colaboración con Aer Lingus, a OET de Dublín e Paradores sorteou unha viaxe para dúas persoas á cidade con hospedaxe no Hostal dos Reis Católicos nun dos programas de maior audiencia da televisión irlandesa. Tamén organizou un presstrip ou viaxe de xornalistas no que contou coa colaboración da Asociación Hostalería Compostela.

A EMITT celebrarase do 24 ao 27 de xaneiro en Estambul, sendo os dous primeiros días dedicados ao público profesional e os dous últimos ao público xeral. Trátase da principal feira turística do mercado turco, cunhas cifras moi altas de participación en ambas categorías. Por exemplo, en 2012 participaron 57.000 profesionais do sector e recibiu a visita de 71.000 persoas.

A importancia actual do mercado turco para Santiago é practicamente nula. Non obstante, a cidade ten unha oportunidade neste mercado grazas á nova conexión aérea entre Santiago e Estambul que Turkish Airlines inaugurará en maio deste ano con tres frecuencias semanais, martes, venres e domingo. A razón de que Turismo de Santiago participe por primeira vez na EMITT é intentar aproveitar esta oportunidade, amosando tanto o atractivo turístico da cidade como a capacidade de Lavacolla de ser rendible para novas aerolíneas.

Finalmente, como cada ano, Turismo de Santiago participará entre o 30 de xaneiro e o 3 de febreiro en Fitur, a principal feira turística do mercado español, onde presentará a oferta da cidade aos profesionais do sector, coa mensaxe de que nestes momentos de crise económica Santiago ten unha gran oferta turística de calidade, apta para múltiples segmentos e asequible para o turista doméstico.

Compartir: