CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberto prazo de inscrición no Obradoiro de pequenos cineastas incluído no programa Compostela Cine Classics

30/03/2012 O programa Compostela Cine Classics’12 inclúe entre as súas actividades un Obradoiro de pequenos cineastas, que desenvolverá os mércores 25 de abril e 2 e 9 de maio e os xoves 26 de abril e 3 e 10 de maio no Centro Sociocultural das Fontiñas. A inscrición neste singular obradoiro estará aberta ata o 18 de abril.

Neste Obradoiro de pequenos cineastas, os nenos e nenas aprenderán as marabillas da sétima arte. Construirán un minidecorado de cine e traballarán co chroma e con animación stop-motion. Participarán como protagonistas nas pequenas pezas que creen. O taller está destinado a rapaces e rapazas entre 7 e 12 anos. As sesións terán lugar entre as 18:30 e as 20.30 horas.

O prezo é de 9 euros e a inscrición pode formalizarse ata o 18 de abril no CSC das Fontiñas ou no CSCXM do Ensanche, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Proxección de A dilixencia, de John Ford
Por outra parte, e no marco do mesmo programa Compostela Cine Classics, continúan as proxeccións de grandes filmes da historia do cine. Nesta ocasión, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche acolle a proxección de A dilixencia, de John Ford (1939). E a continuación, charla con café na compaña de Moncho Lemos, crítico de cine da TVG e da Radio Galega. A entrada é de balde ata completar aforo.

Documentos relacionados



Compartir: