TURISMO

O Concello colaborará coa Embaixada nipona co gallo do Ano de Xapón en España

28/03/2012 Unha delegación da Embaixada de Xapón foi recibida en Raxoi polos concelleiros de Turismo, Reyes Leis, e de Cultura, Ángel Currás. Os representantes nipóns explicáronlle aos concelleiros o programa con motivo dos 400 anos de relacións bilaterais entre España e Xapón.

O primeiro secretario da Embaixada de Xapón en España, Shogo Toyota; o primeiro secretario da sección económica desta delegación diplomática, Hiroaki Kokuma; e o presidente da Asociación Hispano Xaponesa de Turismo, Haruo Shimohira, expuxeron as diversas actividades culturais, económicas, científicas ou turísticas que porá en marcha esta representación diplomática entre 2013 e 2014 con motivo desta conmemoración. Os concelleiros amosaron a dispoñibilidade municipal a colaborar con algunhas desas iniciativas.

No encontro, os representantes nipóns e os concelleiros falaron da estreita relación de Xapón con Santiago en materia turística, concretada nos últimos anos na promoción conxunta dos Camiños de Santiago e de Kumano. Dende Turismo de Santiago tamén se realizan diversas accións promocionais destinadas ao mercado nipón.

Compartir: