DEPORTES

Máis puntos de venda de entradas para o I Freestyle de Santiago de Compostela

27/03/2012 Séguense incorporando novos puntos de venda de entradas para o I Freestyle Speed Style de Santiago de Compostela, que se celebrará no Monte do Gozo o 17 de maio. Na cidade, os billetes poden obterse no quiosco da praza de Galicia, no estadio de San Lázaro e a través do Autos Lobelle de Santiago F.S, que colabora activamente neste evento.

As entradas para esta proba están tamén á venda na web www.entradas.com, nos caixeiros de Caja Madrid, en Marineda City (A Coruña), no Centro Comercial La Región (Ourense) e nas tendas www.daganoffroad.com. Proximamente incorporaranse novos puntos de venda.

O prezo das entradas en venda anticipada son: 30 euros (cadeiras), 19 euros (grada xeral), 12 euros (infantil) e 55 euros (vip). No despacho de billetes os prezos serán de 35, 25, 15 e 65 euros, respectivamente.

O I Freestyle de Santiago de Compostela permitirá contemplar ao aire libre as máis espectaculares acrobacias sobre unha moto, grazas á presenza do campión do mundo, Dani Torres, e dos sete mellores aspirantes mundiais do momento.

Será unha competición entre oito pilotos, emparellados de dous en dous, que se irán eliminando entre eles tras dar tres voltas a un circuíto e dar os saltos habituais. Serán valorados por un xurado, que determinará o campión, subcampión e terceiro clasificado.

Compartir: