ALCALDÍA

O alcalde pregoa a orixe solidaria da Festa da Uña e do barrio de San Lázaro

25/03/2012 O barrio de San Lázaro celebrou a segunda xornada da Festa Gastronómica da Uña. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, pronunciou o pregón deste evento, co cal o Concello colabora.

Tras agradecer a súa elección como pregoeiro, o alcalde realizou varias consideracións sobre a Festa da Uña, recordando o seu principio de solidariedade, porque "non esquezamos que este barrio acolleu os excluídos: os que non se lles permitía o acceso á cidade. Esta festa, pois, lémbranos a necesidade de integrar e de non excluir".

Tamén indicou que esta Festa da Uña "dá a todos os composteláns a oportunidade de coñecer mellor San Lázaro", un barrio que "se desenvolve sen perder o seus sinais de identidade".

Nesta xornada de domingo, San Lázaro saíu en procesión da capela para ir ata o campo da festa, a carón do estadio de San Lázaro, onde se celebrou unha misa. Logo o Santo volveu á ermida. Foi entón cando o alcalde pronunciou o pregón. Da música e do baile encargouse o grupo folclórico Colexiata do Sar.

Rematada a intervención de Conde Roa, momento para degustar as uñas a carón da propia igrexa. Ademais, a orquestra Palladium tivo a súa sesión de mediodía. Para a tarde estaba prevista a actuación do grupo de baile tradicional Armadanzas.

Poxa
O luns 26, a partir das 11:30 horas, celebrarase a tradicional poxa das uñas. Este acontecemento era no pasado unha ofrenda a San Lázaro. Na actualidade, o recadado na poxa serve para sufragar os gastos das misas e para manter a capela.

Nesta xornada tamén tocará a Banda Municipal de Música (13:00 horas). Xa pola noite, actuación da orquestra Panorama, que repite un ano máis. Tamén haberá oficio relixioso este día, ás 11:00 e ás 19:30 horas.

Documentos relacionados



Compartir: