BENESTAR SOCIAL E SEGURIDADE VIARIA

O Goberno municipal constata un cambio de hábitos no consumo de alcohol na vía pública

23/03/2012 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, fixo balance das medidas de prevención e control do consumo de alcohol na vía pública postas en marcha nos últimos meses polo Goberno local. Segundo indicou, "constátase unha diminución da presenza de mozos na rúa durante a noite", destacando tamén o feito de que "dende hai tempo non está habendo botellóns no Campus Vida".

Paula Prado non quixo "ser triunfalista", pero amosou a súa satisfacción por este cambio de hábitos. No obstante, o edil de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, que a acompañou na rolda de prensa, apuntou que, pola contra, si se están a rexistrar máis festas en pisos ou unha maior presenza de mozos nas rúas do Ensanche, pero "lonxe da magnitude e das formas en que se desenvolvían os botellóns no Campus Vida".

Á vista desta evolución das costumes, o concelleiro indicou que se están a tomar medidas para combater estes hábitos que supoñen un prexuízo para a convivencia. Neste sentido vai a creación da unidade especifica de ruídos entre a Policía Local ou a próxima adquisición de novos alcoholímetros que permitirán tamén medir o alcohol en vasos ou botellas. Estas medicións serán especialmente útiles nas infraccións de menores.

Seguindo co balance dos últimos meses, a edil de Benestar Social apuntou que, dende setembro, impuxéronse 427 sancións por consumo na vía pública. Destas multas, en torno a un 10% impuxéronse a menores. Entre os sancionados, 78 xa realizaron traballos en beneficio da comunidade, substitutivos da multa.

Amosouse especialmente satisfeita polo resultado desta medida, na que os traballo se asignan "adaptándose aos horarios e preferencias dos mozos, sen prexudicar a súa vida profesional ou académica". Estes labores, engadiu, "en ningún caso substitúen a un traballo remunerado". Mencionou os labores realizados en centros socioculturais; no viveiro municipal; con entidades sociais como Cáritas ou o Albergue de Xoán XXIII; con Protección Civil no mantemento do Camiño de Santiago; ou coa Brigada Municipal na limpeza de pintadas". Tamén se prevé unha colaboración con Proxecto Home en actividades relacionadas coa equitación e a horticultura.

Boa acollida
Paula Prado destacou a receptividade xeneralizada dos mozos, que tamén deben asistir a un curso de catro horas impartido pola UMAD no que se lles fala sobre as consecuencias do consumo de alcohol. En canto aos pais, "algúns son moi receptivos, pero outros aínda xustifican a actitude dos seus fillos", afirmou. Neste sentido, dixo, "a UMAD vai seguir traballando en materia de prevención cos centros escolares e as familias".

Á marxe destas 78 persoas que realizaron ou realizan traballos substitutivos, apuntou que só catro persoas (tres adultos e un menor) optaron por pagar a multa. O resto de procedementos están en marcha, indicando que "máis ou menos a metade recorreron". Non obstante, subliñou que ata o momento non se estimou ningún recurso.

Recordou a concelleira que as sancións por unha primeira infracción polo consumo de bebidas en grupo na vía pública vai dos 100 aos 750 euros. A graduación das sancións depende do grao de alteración da convivencia. Neste sentido, puxo como exemplo as sancións impostas no Campus Vida, que na maioría dos casos foron de 750 euros, por agravantes como a "insalubridade" causada polo lixo depositado ou a proximidade a un centro hospitalario. No caso do consumo de alcohol por menores, cuxa tramitación é por vía autonómica, as sancións son de 600 euros. De todos os infractores –concluíu- só un reincidiu na súa conduta.

Compartir: