CULTURA

"Ars Combinatoria", de Chema Madoz, nova exposición do Auditorio de Galicia

14/03/2012 Ars Combinatoria, de Chema Madoz, é a nova exposición que acolle o Auditorio de Galicia dende o 14 de marzo e que permanecerá aberta ata o 24 de xuño.

A mostra é un percorrido extenso polo traballo de Madoz, no que poderemos observar os procesos mentais de onde xorden as súas imaxes; as variadas combinacións ás que somete os obxectos para facernos ver as inesgotables posibilidades que encerran, así como as influencias das que bebe a obra de Madoz e como soubo construír a súa propia linguaxe e o seu especial mundo creativo. A exposición, comisariada por Oliva María Rubio, historiadora da arte e directora de exposicións de La Fábrica, inaugurouse en Roterdam (Holanda) en xaneiro de 2011 e en España só estivo en Córdoba de xuño a setembro, coincidindo coa candidatura da cidade a Capital Europea da Cultura

Ars Combinatoria presenta un extenso percorrido polo traballo de Chema Madoz a través de 70 imaxes, abordando a traxectoria do artista no seu conxunto. En palabras da comisaria, Oliva María Rubio, "o especial modo de interpretar a arte a través da fotografía e a súa visión poética fixeron de Chema Madoz un dos creadores máis interesantes da escena artística contemporánea. O seu traballo mostra as relacións escondidas entre os obxectos e indaga nas trampas da visión, abrindo unha xanela á nosa mellor comprensión do mundo."

"O artista considérase un escultor de obxectos que opera dende o punto de vista dun fotógrafo e sinala que a fotografía é o rexistro da memoria que lle permite fixar as súas ideas. Nos diversos procedementos que utiliza: condensacións, asociacións, xustaposicións, desprazamentos, ars combinatoria, encontros fortuítos aos que somete aos obxectos, Madoz emparéntase cos surrealistas nesa procura de novos significados, novos parentescos, novos camiños por onde deixar vagar a imaxinación. Hai tamén nestes desprazamentos, metamorfoses, combinacións ou procura de relacións entre os obxectos, unha especie de lixeireza que se asocia coa idea de xogo", di Rubio, que engade: "Algúns dos desprazamentos formais deste creador son mínimos, pero dunha eficacia extraordinaria. O cotián inspíralle as máis curiosas asociacións e nelas hai sempre un trasfondo de xogo. Xestos e construcións onde consegue que o máis raro pareza normal, como cando coloca unha sandalia sobre unha bota. Trata de mostrar cambios sutís das cousas, engadidos ou subtraccións, desprazamentos ou metamorfoses, que xeran unha singular estrañeza."

Biografía de Chema Madoz
Jose María Rodríguez Madoz, máis coñecido como Chema Madoz, naceu en Madrid en 1958. Entre os anos 1980 e 1983 cursou historia da arte na Universidade Complutense de Madrid, estudos que compaxinou cos de fotografía no Centro de Ensino da Imaxe. A Real Sociedade Fotográfica de Madrid expuxo a primeira mostra individual do autor no ano 1985. En 1990, comezou a desenvolver o concepto de obxectos, tema constante na súa fotografía ata a actualidade. En 1991 o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía mostrou a exposición Catro direccións: fotografía contemporánea española, que viaxou por varios países. Este mesmo ano é galardoado co Premio Kodak. A Editorial Art-Plus de Madrid editou en 1995 a súa primeira monografía: o libro Chema Madoz (1985 - 1995).

En 1999 o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela mostrou a exposición individual de traballos realizados entre 1996 e 1997. A finais dese ano, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía dedicoulle a exposición individual Obxectos 1990-1999, que é a primeira mostra retrospectiva que este museo dedica a un fotógrafo español en vida. No 2000 o fotógrafo madrileño recibiu o Premio Nacional de Fotografía de España. Ese mesmo ano a Bienal de Houston Fotofest recoñeceuno como autor destacado.

O conxunto da obra de Chema Madoz ademais de ser respectada pola crítica, está acadando cotas de popularidade impensables para outros artistas contemporáneos. Amante do branco e negro a súa obra recolle imaxes extraídas de hábiles xogos de imaxinación. nos que perspectivas e texturas tecen as súas imaxes. Dende hai tempo pinta ideas de prata. Co seu traballo abre espazos insospeitados, formas de gran forza. A través das súas fotografías podemos chegar a comprender o estraño dos atributos nas formas e os ciclos que de forma insistiente están presentes na natureza.

Biografía de Oliva María Rubio, comisaria
Doutora en historia da arte pola Facultade de Filosofía e Letras da UAM, 1992. É historiadora da arte e comisaria. Directora de exposicións de La Fábrica. Foi comisaria xeral de PHotoEspaña durante as edicións de 2001 a 2003 onde desenvolveu temáticas relacionadas coa identidade que se concretaron en Desde el Sur, Femeninos e Nos-Otros e puxo en marcha máis de sesenta exposicións de artistas nacionais e estranxeiros. Participou en numerosos xurados de arte e fotografía, como o Albert Renger-Patzsch photography Award, Essen, 2006; Grand Prix Henri Cartier-Bresson, París, 2009; Deutche Börse / Photographers’ Gallery Photography Prize 2010, Londres. Membro do Committee of Visual Arts "Culture 2000 programme", Comisión Europea, Bruxelas, 2003; do comité de compra dos Fonds National d'Art Contemporain, París 2004-2006; asesora artística do Prix de Photography na Fundación HSBC para a Fotografía, París, 2005 e responsable do proxecto Xeracións de Caixa Madrid desde 2000.

É autora de La mirada interior. El surrealismo y la pintura, 1994, e de numerosos artigos en catálogos e revistas. Foi comisaria de, entre outras, das seguintes exposicións: Kimsooja: Respirar – Una mujer espejo (Palacio de Cristal, MNCARS, Madrid); Andres Serrano: El dedo en la llaga (Círculo de Belas Artes de Madrid, ARTIUM de Vitoria e PAC de Milán), 2006-2007; Dorothea Lange (MUICO, Madrid), 2009 e László Moholy-Nagy. The Art of Ligth, 2010 (Círculo de Belas Artes de Madrid, Martin-Gropius-Bau de Berlín e Gemeentemuseum Dean Haag), 2010-2011.

Visitas guiadas á mostra
O Auditorio ofrece a posibilidade de facer visitas guiadas ás súas exposicións. O grupo terá entre 10 e 25 persoas e persoal do gabinete didáctico encargarase de amosar o contido da mesma. Os interesados deben poñerse en contacto coa responsable do Departamento de Exposicións para concertar unha data cubrindo un formulario na web www.auditoriodegalicia.org ou no teléfono 981 574152/3 en horario de 9:00 a 14:30 horas.

Compartir: