DEPORTES

Unha auditoría determinará a situación real da Fundación Compostela Deporte

14/03/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, anunciou que, tras as xuntanzas mantidas cos membros do Padroado da Fundación Compostela Deporte, acordouse realizar unha auditoría da entidade. "O obxectivo é aclarar e coñecer a situación de real da Fundación e depurar as responsabilidades tanto do anterior concelleiro como das persoas que tiñan unha relación formal con esta entidade", apuntou.

O edil denunciou que se ten creado "un grave problema ao Concello de Santiago e a un gran número de empresas desta cidade", referíndose a que "non fan máis que chegar monitorios ao Departamento de Deportes". En concreto, na rolda de prensa amosou dous, por importe de 40.000 euros, presentados na última semana por dúas empresas hoteleiras.

A débeda contabilizada da Fundación Compostela Deporte ascende a uns 300.000 euros, afirmou Adrián Varela, se ben non descartou que "sigan chegando facturas". Como exemplo destas débedas citou as de "premios non pagados" ou as da Compostela Cup, unha competición que "dicía o xerente da Fundación que se autofinanciaba". A propósito deste torneo, anunciou que si se vai celebrar este ano, grazas á que unha empresa privada amosou interese polo mesmo en colaboración cun club da cidade.

O concelleiro anunciou igualmente que, unha vez se coñeza a auditoría, se procederá "ao cese de actividade da Fundación, para que non siga xerando máis gastos". Neste sentido, cualificou a situación actual da entidade como de "insolvente", xa que "non pode facer fronte ao pago dos provedores". En función do resultado da auditoría tamén está previsto establecer un plan de pagos para os mesmos.

Apertura do campo de herba artificial de San Lázaro
Noutra orde de cousas, Adrián Varela anunciou que dende este mércores 14 estará aberto o campo de herba artificial de San Lázaro, ao carón do SERGAS, unha vez retirada a liña de alta tensión que o atravesaba. "Hoxe é un día feliz para o barrio de San Lázaro e Amio xa que, despois de 16 años, conseguimos darlle vida a este campo", indicou, referíndose ás conversas "practicamente diarias" mantidas dende o mes de xullo con Gas Natural-Fenosa e Red Eléctrica.

Sobre esta liña de alta tensión, o concelleiro lamentou que no seu día se tiveran gastado 60.000 na modificación da altura da liña de alta tensión sen ter consultado á Federación Galega de Fútbol, xa que "en ningún caso era posible a homologación do campo tendo esta liña atravesándoo".

Falou igualmente doutras deficiencias da instalación que se solucionaron nos últimos meses. "Instalouse o sintético; arranxáronse as filtracións dunha obra recibida facía menos dun ano; acondicionáronse e equipáronse os vestiarios (cunhas dimensións moi reducidas); e dotouse o campo de iluminación, a cal non estaba proxectada". Cifrou o custo total deste campo en 1,2 millóns de euros.

Aínda queda por instalar a cuberta na grada, que considerou necesaria ante a cantidade de días de choiva que ten a cidade cada ano. A intención municipal é realizar esta obra a conta da subvención que se poida solicitar a algunha outra Administración.

Máis de 400 nenos poderán disfrutar deste recinto tras a súa apertura. Os clubs Amio e Vitoria disporán de cadanseus dous días de utilización á semana para adestramentos, quedando o resto de horas para outros equipos da cidade. No apartado competitivo, os primeiros partidos celebraranse na vindeira fin de semana.

Documentos relacionados



Compartir: