MEDIO AMBIENTE

Trescentos escolares poderán seguir cada ano a evolución da árbore que planten con motivo do Día da Árbore e da Auga

14/03/2012 A concelleira de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, María Castelao, presentou os actos con motivo do Día da Árbore e da Auga, cuxa mascota nesta edición saíu dun concurso escolar convocado ao efecto. O mércores 21 de marzo realizarase unha plantación de árbores en Santa Marta, así como unha instalación de rego.

A elección desta superficie verde non é casual, xa que está situada a carón dos dous colexios que participaron no concurso para elixir o cartel desta edición do Día da Árbore e da Auga: o CEIP Cardeal Quiroga Palacios e o CPR Divino Maestro. Alí, no Monte de Conxo, os escolares de ambos centros participarán nunha plantación de 300 exemplares de árbores autóctonas: piñeiros mansos, loureiros, liquidámbares, carballos, pradairos vermellos e prateados, sobreiras, érbedos, bidueiros e acivros.

Os 318 escolares que participarán nesta plantación recibirán un carné e uns medidores de diámetro e dos compoñentes do solo. Con eles poderán seguir cada ano a evolución da árbore que lles toque plantar. Poderán comprobar así como esta área agora deteriorada se converte nunha exemplar zona verde máis da cidade.

Ademais, os rapaces e rapazas poderán asistir nesta xornada a unha instalación de rego por goteo que servirá para que coñezan mellor o ciclo da auga.

Mascota
A mascota desta edición é obra de Leilía Marie Pichel, alumna do CEIP Cardeal Quiroga Palacios, quen realizou o debuxo dunha mascota co nome de "Arborauga". Os outros dous primeiros premios do concurso foron para Celia Varón Seijo, do CPR Divino Maestro, coa súa "Familia Arbolín" e para Helena Santidrián Mas, do Quiroga Palacio, cunha mascota denominada "Pingarbus". Tamén se concederon cinco accésits. Os premios entregaranse no Concello este xoves 15.

A concelleira agradeceu ás concesionarias Cespa e Aquagest, a súa implicación nesta celebración. En representación destas empresas estiveron na rolda de prensa, respectivamente, José Luis Míguez e Luis Incera.

Documentos relacionados



Compartir: