CULTURA

O ciclo Íntimo & Acústico trae a Simon Finn, Daniel Higgs e a gala "Palabra de Muller"

13/03/2012 Aline Frazao inaugurou en febreiro o novo ciclo Íntimo&Acústico. Agora, continuamos coas propostas deste ciclo que promete grandes citas musicais na nosa cidade. Este mes de marzo teremos a Simon Finn, Palabra de Muller e Daniel Higgs.

Con Simon Finn, o 18 no Principal, e Daniel Higgs, o día 26 na Zona "C", chegan as propostas máis underground e alternativas do ciclo. E dentro de Palabra de Muller poderemos escoitar a Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Jane Joyd e Patricia Moon o 21 de marzo no Teatro Principal. A partir de abril teremos, entre outros e xa confirmados, a The Bright, Maika Makovski (con Gentle Music Men de teloneiro), Abe Rábade Trío e Sumrrá e, xa no mes de xuño, Ariel Rot.

Simon Finn, ao que acompañarán en directo Joolie Wood (violín) e Maja Elliott (piano), ambas de Current 93, dará o seu primeiro concerto en Galicia para celebrar o 40º aniversario da publicación de Pass the distance (1970). Poderemos escoitar o folk psicodélico deste artista maldito e xenial, o 18 de marzo ás 20.00h no Teatro Principal. Simon Finn foi un dos puntais á sombra do folk progresivo inglés dos 60. Axudado por David Toop, puxo en circulación unha obra de referencia do folk experimental de finais dos 60, Pass the distance, un tratado, agora reeditado, de psych-folk alucinado e descarnado, un exemplo da aceleración emocional da música tradicional. Por primeira vez en Galicia, Simon Finn en directo. Unha ocasión irrepetíbel.

Palabra de Muller, unha gala-concerto moi especial que se celebra o 21 de marzo, é unha magnífica oportunidade para ver sobre as táboas do Principal, a catro artistas que están soando moi forte. Rebeca Jiménez como cabeza de cartel e as galegas Jane Joyd, Patricia Moon e Cardigan Bridge. Presentarase este concerto máis polo miúdo nos vindeiros días.

Por último, neste mes de marzo temos a Daniel Higgs o día 26, nesta ocasión no Teatro Principal. Daniel Higgs é coñecido por estar á fronte de Lungfish, grupo de culto ligado á prestixiosa discográfica Dischord Records. Na súa carreira en solitario, Higgs segue imprimindo a súa inconfundible pegada persoal e colabora con selos como Thrill Jockey ou Holy Mountain. O multi-instrumentista Marc Clos acompaña a Higgs á percusión. O disco que nos presenta Higgs, Beyond & Between foi gravado por Santi Garcia nos estudos Ultramarinos Costa Brava de Sant Feliu de Guíxols en maio de 2011. As cancións de Daniel Higgs teñen un poder evocativo realmente poderoso. É o peso da historia da civilización o que eleva a música que facía Ali Farka Toure, Paolo Conte ou a que fai o noso home en Baltimore.

Venda de entradas
As entradas para Finn, a 8 euros, poden mercarse na billeteira do Principal (aberta de martes a sábado e os días de evento de 18:00 a 21:00 horas); as de Palabra de Muller están á venta en Novagaliciabanco e na billeteira do Principal a un prezo de 10 euros; e para asistir ao concerto de Daniel Higgs pódense mercar as entradas, a 6 euros, na billeteira do Principal e o día do concerto na propia Zona "C".

Compartir: