CULTURA

"Hamlet. A work in progress sobre o orixinal de William Shakespeare", próxima obra de investigación teatral na Zona "C"

13/03/2012 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; Jorge Rey e Alfredo Padilla presentaron Hamlet. A work in progress sobre o orixinal de William Shakespeare, a estrea absoluta que será a próxima obra teatral da Zona "C". As sesións, 15, serán do 16 de marzo ao 8 de abril e desenvolveranse en tres linguas: galego, español e inglés.

Un traballo de investigación e laboratorio teatral sobre o lendario texto de Shakespeare, dirixido por Jorge Rey con Alfredo Padilla como único actor. O único limite e marco fixo é o propio texto do autor, onde o actor investiga e explora as posibilidades desestruturando a orde orixinal da fábula, empezando polo final a partir do momento en que Hamlet lle pide ao seu amigo Horatio que conte a súa historia. Entón asistimos ao actor que fai de Horatio que fai de Hamlet e representa a súa historia.

A proposta escénica, de Alfredo Padilla, é de investigación permanente, sobre o texto, a historia e as súas posibilidades, non pechando nunca unha posta escénica. En determinado momento deste proceso o mesmo ábrese á mirada do espectador coa intención de que o traballo de investigación siga discorrendo a través das representacións ante público.

As funcións realizarase en inglés orixinal, en castelán e en galego coa tradución do escritor Alfredo Conde (Premio Nacional de Literatura e Premio Nadal). Serán os días 16, 17, 18, 22, 23, 24, 25, 29, 30 e 31 de marzo; así como 1, 5, 6, 7 e 8 de abril, ás 20:30 horas (agás os domingos, que serán ás 19:30 h). En español será os venres 16, 23 e 30 e o domingo 8 de abril; en inglés os días 18 e 25 de marzo e 5 e 7 de abril; o resto dos días en galego.

As entradas, a 8 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas; e os propios días do evento na Zona "C" dende as 18:00 horas.

Teatro, arte, cinema e música na Zona "C"
A Zona "C" acollerá diversas actividades nos vindeiros meses. O 26 de marzo, poderemos asistir alí ao concerto de Daniel Higgs dentro do ciclo Íntimo&Acústico e, neste mesmo ciclo, teremos a The Bright o 13 de abril. Do 3 ao 11 de maio haberá alí varias actividades de Curtocircuíto, dentro do cal tamén se enmarcarán, en colaboración co Compostela Rock, os concertos de Unicornibot e La Débil, 5 de maio, e Fasenuova, o día 9 de maio. Ademais, do 14 ao 29 de abril hai unha nova estrea de teatro, Será o meu propio paraíso, de Ars Artis, e xa a finais de maio, poderemos ver na Zona "C" a intervención Políptico, de Enrique Lista, en colaboración co Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da USC.

Documentos relacionados



Compartir: