DEPORTES

Xuventude incorpora un Curso de Monitor de Tempo Libre á súa oferta formativa

13/03/2012 O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, presentou novas propostas formativas para os vindeiros meses. Entre elas destaca un curso de monitor de tempo libre, pero tamén se impartirá formación en materias como o coaching laboral, a fotografía, o cómic ou as curtametraxes.

O Curso de Monitor de Tempo Libre capacitará os participantes para obter un título indispensable á hora de levar a cabo actividades de lecer e tempo libre e de realizar campamentos ou accións socioculturais e formativas. Segundo explicou o concelleiro, o curso terá unha fase teórico-práctica de 200 horas e outra práctica de 150. As actividades repartiranse entre o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e o Centro Xuvenil Don Bosco.

As datas de realización do curso son do 27 de xuño ao 31 de xullo. O prezo deste curso será de 125 euros para os empadroados en Santiago e de 250 euros para os non empadroados. É preciso presentar unha solicitude de preinscrición no Rexistro Xeral ou no Rexistro Xeral do CSCXM do Ensanche antes do 28 de abril.

Máis cursos
A oferta formativa complétase con varios cursos máis. O primeiro deles, de iniciación ao cómic, terá lugar do 9 de abril ao 3 de maio. Xa os días 17, 24 e 26 de abril terá lugar o Curso de Formación en Coaching Laboral, destinado a mozos e mozas a partir de 18 anos e cunha duración de 12 horas.

Do 4 ao 9 de maio celebrarase o Curso de Fotografía Urbana. Para máis adiante, do 16 de outubro ao 20 de novembro, queda o Curso de Curtametraxes. Estes catro cursos son de balde e celebraranse no CSCXM do Ensanche.

Aventura en Semana Santa
Adrián Varela aproveitou a rolda de prensa para lembrar que en breves días se pechará o prazo de inscrición no Programa de Ocio e Aventura desta Semana Santa, un campamento que se desenvolverá do 2 ao 4 de abril no Parque Pena Aventura, en Ribeira da Pena (Portugal). O edil animou os mozos e mozas a darse presa para cubrir as últimas prazas dispoñibles.

Compartir: