MULLER

O Concello de Santiago recoñeceu a traxectoria persoal e profesional de Victoria Seoane, Carmen Ferreira e Ana Serra

08/03/2012 O Concello celebrou o Día da Muller cun acto de homenaxe a tres mulleres, ás que se lle recoñeceu a súa traxectoria persoal e profesional: Victoria Seoane López, fundadora de Ultramarinos Victoria; Mª del Carmen Ferreira Campos, fundadora da firma Maika Peluqueros; e Ana Serra García, empresaria artesá e fundadora de Medialúa.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Familia, Benestar Social e Muller, Paula Prado, presidiron o acto no salón vermello de Raxoi. No transcurso do mesmo, as tres homenaxeadas recibiron as medallas elaboradas especialmente para esta ocasión polo ourive Fernando Mayer e que levan impresa unha frase de Concepción Arenal: "Todas as cousas son imposibles mentres o parecen".

Conde Roa cualificou a estas "mulleres que levan toda unha vida traballando" como "exemplos que axudan a eliminar actitudes refractarias aínda existentes. Hoxe, a vosa historia queda escrita na páxina do Concello con coidada caligrafía. O voso é un traballo silencioso e non recoñecido en moitas ocasións, pero hoxe queremos romper ese silencio cun sentido aplauso".

As actividades con motivo do Día da Muller seguirán o venres 9, ás 17:30 horas, e tamén o sábado 10, ás 17:00 horas, coa celebración na praza Roxa dun obradoiro de creación de broches cunha temática relacionada co Día da Muller. O taller está destinado a un publico infantil, acompañado dos seus pais e nais.

Torneo de fútbol sala feminino
Os actos completaranse o 18 de marzo cun torneo de fútbol sala feminino. Nesta iniciativa, o Concellería de Muller ten a colaboración do Departamento de Deportes, da Agrupación de Deportistas Veteranos e da S.D. A Gaiola.

O torneo celebrárase nos pavillóns de Fontiñas e Pontepedriña entre as 10:00 e as 15:00 horas. A competición rexerase polas normas da Agrupación de Deportistas Veteranos. Ata o momento xa hai nove equipos inscritos: Gaiola Centro Deportivo, Milladoiro SD, CD Conxo, FC Meigas, París FSF, Gaiola Omotepan, La Salle e Mesón Río Ulla.

Para complementar esta actividade deportiva, realizarase un obradoiro de decoración de bolsas cunha temática relacionada co día da muller. Está destinado aos nenos e nenas que acudan ao torneo acompañados dos seus pais en nais.

Compartir: