DEPORTES

O campo de fútbol de herba artificial de San Lázaro abrirase de inmediato tras a retirada da liña de alta tensión que o atravesa

08/03/2012 A liña de alta tensión que atravesaba o campo de fútbol de herba artificial de San Lázaro (detrás do edificio do SERGAS) comezou a ser retirada. Unha vez rematen os traballos, o recinto deportivo poderá ao fin entrar en funcionamento.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, acudiu con representantes de Gas Natural-Fenosa ata o campo de fútbol con motivo destes traballos de retirada da liña de alta tensión. Conclúe así un longo proxecto que arrincou en 1996, cando se asinara un convenio urbanístico que permitía á Xunta de Galicia novas dotacións administrativas a cambio de obter o Concello unha nova instalación deportiva para o fútbol base da cidade.

A obra licitárase en 2007, pero o contrato coa empresa adxudicataria foi resolto a causa da existencia dunha liña de alta tensión que coincidía co centro do terreo de xogo e que impedía a súa construción. A obra volveu licitarse, iniciándose en xaneiro de 2009, con data de remate en novembro de 2009. Pero o campo de fútbol non puido abrirse ata agora pola presenza da liña de alta tensión atravesando a superficie de xogo. Ademais, o proxecto non contemplaba o alumeado artificial, que foi preciso instalar posteriormente, e presentaba outras deficiencias en materia de filtracións de auga, acceso para discapacitados ou sistema eléctrico.

Neste recinto, xogarán e adestrarán os deportistas do Amio e do Vitoria, e do resto de equipos da cidade nas horas que queden libres. Ademais, dadas as dimensións, o campo tamén se poderá utilizar para dous recintos de fútbol-7.

Compartir: