MULLER

Recoñecemento ás mulleres anónimas que loitan cada día pola igualdade

08/03/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social e Muller, Paula Prado, participou no Centro Socicomunitario da Porta do Camiño no acto conmemorativo do Día da Muller organizado polo Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte. Alí, coas usuarias da residencia, foi momento para recoñecer o esforzo de moitas mulleres anónimas que cada día intentan crear un mundo máis igualitario.

O Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte decidiu compartir este día coas usuarias da residencia da Porta do Camiño porque "aínda que todas e todos temos a alguén a quen felicitar por ser muller, é preciso retroceder no tempo para entender a magnitude dos acontecementos que fixeron posible este Día da Muller e comprender a importancia do que conmemoramos". "A través da traxectoria vital destas mulleres podemos elaborar unha breve cronoloxía sobre a loita pola liberación e igualdade da muller, centrándonos no eido laboral", indican. Por iso, as usuarias da residencia contaron a súa experiencia en tempos moito máis difíciles para as mulleres.

Dende o Equipo lémbrase que "moitos son os nomes que actualmente seguen presentes por intentar mellorar as condicións laborais e conseguir que todas as mulleres do mundo gocen dos mesmos dereitos, se ben non hai que esquecer que o máis importante de todo é intentar ver máis alá dos datos e datas e recoñecer o esforzo que moitas anónimas fixeron e fan a diario por intentar crear un mundo máis igualitario para todas".

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: