CULTURA

Quico Cadaval presenta "Zona Portuaria" dentro do ciclo Falabaratos

08/03/2012 O ciclo Falabaratos, da Concellería de Cultura, que se inaugurou o 14 de febreiro con David Amor, continúa coa súa programación neste mes de marzo. Así, o venres 9 de marzo chega a cita con Quico Cadaval e a súa Zona Portuaria. Será no Teatro Principal ás 21:00 horas e as entradas poden mercarse, a un prezo de 8 euros, nas billeteiras do propio Teatro en horario de 18:00 a 21:00 horas. Despois de Cadaval chegarán ao Principal, dentro deste ciclo, Sergio Pazos, Luis Piedrahita, Godoy, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e de novo David Amor.

Quico Cadaval leva desenvolvendo dende os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaret literario. Un espectáculo de narración oral que se leva transformando nos últimos quince anos acomodándose ás circunstancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.

O espectáculo Zona Portuaria créase a partir de historias da tradición oral que se deformaron pouco a pouco, na xira mundial inacabada na que Quico Cadaval traslada aos públicos dos catro continentes as historias da súa terra natal para comprobar se son universais. Como sempre, por Zona Portuaria aparecerán tiranos, piratas, funcionarios, prostitutas, taberneiras, cregos, valentes, estudantes, chaboleiros, filósofos, cans, vacas e outros fantasmas. Ou non.

Quico Cadaval
Nacido en Ribeira en 1960, Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Funda a compañía O Moucho Clerc con grandes artistas do teatro galego. Entre os seus traballos destacan Obra (No comment), Um códice clandestino e Shakespeare para ignorantes, esta última en colaboración con Mofa&Befa, pola que recibiron o premio MAX.

Como director lémbrase o seu traballo sobre Cunqueiro, titulado O ano do cometa, para o CDG e a obra de Shakespeare Noite de reis co CDG. Como contador de historias saíu do Café Atlántico e de aí divulgou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja. En relación coa música, vasto territorio no que é un profano, iniciou os seus contactos en Operaçao Triunfo da RTP, colaborou no Son de Aquí con Treixadura e Leilia, foi director de escena da Ópera de tres reás da Consellería de Cultura e ultimamente ligouse a proxectos do TAC como a Ópera das 4 notas.

As últimas distincións recibidas foron o Pregón da Pisa da Castaña de Froxán e o Premio da Cultura Galega, na categoría de Artes Escénicas.

Compartir: