ALCALDÍA

Santiago e A Estrada traballarán conxuntamente en proxectos turísticos, culturais e de infraestruturas

08/03/2012 Os concellos de Santiago e da Estrada colaborarán en diversos proxectos de ámbito turístico, cultural e de infraestruturas. Así o manifestaron os seus alcaldes, Xerardo Conde Roa e José López Campos, tras a reunión mantida entre ambos en Raxoi.

"Non podemos vivir separados estando tan próximos", indicou o rexedor compostelán, apuntando que "Santiago está obrigada a promover proxectos comúns e lazos de unión co entorno, en beneficio de todos". Así, insistiu na necesidade de "aproveitar sinerxias" entre concellos, unha cuestión da que ten falado tamén nas últimas semanas cos alcaldes de municipios como Ames ou Lalín.

Nesta intención tamén coincidiu o alcalde estradense, ao afirmar que "A Estrada debe vivir de cara a Santiago e aproveitar o potencial de ter a capital de Galicia a 15 minutos". Neste sentido, puxo como exemplo deste achegamento a asunción como propias de infraestruturas como o aeroporto de Lavacolla ou o AVE. Mostrou a súa preocupación pola perda de poboación do interior de Galicia e demandou "políticas que nos permitan recuperar a tendencia de crecemento".

Un dos ámbitos nos que ambos concellos colaborarán será o turístico. Conde Roa referiuse á oportunidade de brindarlle aos turistas que veñen a Santiago alternativas para outros días de visita. En concreto, mencionou a riqueza patrimonial da Estrada, con valores como o Pazo de Oca; a súa gastronomía; ou unha festa de interese turístico internacional como a Rapa das Bestas.

O alcalde compostelán tamén ve posibilidades de cooperación no eido cultural, promovendo a celebración de determinados eventos culturais noutros municipios do entorno ademais de en Santiago, para así "abaratar custos".

Xa en materia de infraestruturas, os dous rexedores falaron da autovía á Estrada, que Conde Roa cualificou como "vital" para ambos municipios. Sobre este tema, José López indicou que se agarda que neste mes de marzo saia publicado o proxecto do trazado. Recordou que se trata dun tramo de 11 quilómetros entre A Ramallosa e A Estrada, cun custo previsto duns 90 millóns de euros. Interpelado por unha posible data para ter lista esta autovía e á vista do momento económico actual, falou do "horizonte do 2015 para polo menos ter executada parte da infraestrutura"

Preguntado pola fusión de concellos, o alcalde de Santiago afirmou que este proceso "esixe uns pasos diferentes", que pasan primeiro por novas normativas estatais e autonómicas. A propósito destes temas, o rexedor estradense cre que "aínda hai un ámbito competencial amplo para desenvolver proxectos comúns". Aposta pola "mancomunidade de servizos" para lograr unha "mellor prestación de servizos" e evitar "duplicidades de competencias".

Documentos relacionados



Compartir: