CULTURA

A compañía A Xente das Palabras presenta o concerto familiar "A Berenguela"

02/03/2012 A compañía A Xente das Palabras presenta o sábado 3 o concerto familiar A Berenguela, unha opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María. Será no Teatro Principal a partir das 19:30 horas, cunha duración de 50 minutos. A obra está recomendada para cativos e cativas de entre 4 e 10 anos. As entradas, a un prezo de 6 euros adulto e 3 euros nenos, pódense mercar na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

A pequena espiña de toxo atópase coa folla de carballo, e quere ser a súa amiga. Mais a presumida folla non ten ningún interese nela, discuten e ao final pelexan. Dende ese momento sucédense unha serie de malos entendidos que fan que a nosa pequena amiga remate no cárcere. Como chegou ata alí?. Poderá finalmente volver a ser libre?

A proposta que fai a compañía A Xente das Palabras para este clásico da literatura infantil galega é a dunha posta en escena lida interpretada pola actriz María Inés Cuadrado, cunha introdución ao estilo de narración oral onde dun xeito lúdico, participativo e con exemplos prácticos se destaca a capacidade expresiva de música como código de linguaxe que comunica emocións. A palabra do poeta da Terra Chá está enmarcada pola composición musical de Nani García para o cuarteto de clarinetes Xerión potenciando a acción dramática e ofrecendo aos pequenos e grandes espectadores a posibilidade de gozar da música vencellada á palabra falada.

Nani García conta con numerosos recoñecementos, entre outros pola súa participación nas películas Engurras, que vén de gañar dous Goyas, e De Profundis (Dir. Miguelanxo Prado) e cun extenso currículo con máis de 60 publicacións entre CDs, obras de teatro, danza, vídeo exposicións e BSOs para cine e televisión.

María Inés Cuadrado é licenciada en Artes Escénicas. Participou como actriz en varias producións audiovisuais Vén de estrear a seu primeiro texto teatral infantil dirixido por ela mesma, Malos entendidos.

Xerión é un cuarteto de clarinetes integrado por Juan Pérez, Rafa Espido, Suso Sánchez e Xaquin Meijide, profesores de conservatorio e integrantes da Banda Municipal de Música de A Coruña. Esta agrupación xa constitúe un referente na escena clarinetística galega.

Compartir: