CULTURA

"Zoo", unha comedia de Yllana no Principal

02/03/2012 O domingo 4, Yllana montará o seu Zoo no Teatro Principal e os composteláns poderán velo a partir das 20:00 horas en sesión única. César Maroto, Elena Lombao, Susana Cortés e Rubén Hernández garanten risas e unha boa tarde. As entradas, a 12 € (8 € no anfiteatro) poden mercarse en Novagaliciabanco ou nas billeteiras do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas.

No máis profundo da xungla, uns intrépidos e chifrados exploradores afrontan a máis insensata das aventuras. A súa misión é capturar un exótico animal en vías de extinción para o zoo dunha gran cidade. Os continuos despropósitos dos protagonistas desencadearán unha esperpéntica epopea visual na que a contorna, aparentemente paradisíaca, se converte nunha trampa infestada de estraños animais. Aves, mamíferos,
réptiles e insectos arranxaranse para facerlle a vida imposible aos heroes da expedición.

Yllana volve pór en pé un espectáculo para todos os públicos, aplicando esta vez a súa persoal visión cómica do mundo ao eterno conflito entre o home e a natureza. No seu afán por seguir investigando no teatro do xesto, a compañía afonda con Zoo no tema da animalización e a recreación da natureza salvaxe, ideas que xa estiveron presentes noutros espectáculos de Yllana, aínda que sempre como elementos illados.

A Compañía
Yllana nace en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, aínda que na actualidade e despois de 17 anos como compañía diversificou a súa actividades. Ademais dos seus propios espectáculos, produce, distribúe e promove montaxes doutras compañías.

Os membros fundadores de Yllana son Juan Francisco Ramos, Marcos Ottone, David Ottone, Joseph O´Curneen e Fidel Fernández. Dende os seus inicios a compañía produciu dezaseis espectáculos que se representaron en 30 países e foron vistos por máis dun millón de espectadores.

Compartir: