CULTURA

A Banda Municipal celebra o Día da Muller Traballadora cun concerto especial

02/03/2012 Un ano máis, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela súmase á celebración do Día da Muller Traballadora. Faino cun concerto especial no que a solista convidada será a clarinetista Amelia Ónega Otero. Será o domingo 4 de marzo, a partir das 12:00 horas, no Teatro Principal, con entrada de balde. Este concerto, ademais de estar dedicado ao Día da Muller Traballadora, está incluído dentro do exitoso ciclo de Novos Intérpretes Galegos.

Con esta iniciativa preténdese destacar o importante papel que tamén teñen as mulleres dentro do mundo musical, tanto como intérpretes como na súa faceta de compositoras ou directoras. A inclusión da muller, coma profesional, no mundo da música foi moi complicada ao longo da historia, pero afortunadamente estas barreiras están bastante superadas e a presezia feminina está normalizada.

Amelia Ónega Otero, nada en Santiago de Compostela en 1996, comezou os seus estudos musicais aos 5 anos e na actualidade, con 15 anos, cursa 6º de grao profesional no Conservatorio Profesional de Santiago, tutorada por Saúl Canosa. Recibiu clases de Vicente Alberola , Radovan Cavallin, Saúl Canosa, Marina Abuin, Asterio Leiva, Beatriz López, José Manuel Puyana, Esteban Valverde e asistiu a cursos impartidos por Justo Sanz, Dominique Vidal, Enrique Pérez Piquer, Yehuda Gilad, Josep Fuster, Luis Gomes, Carlos Gil, Victor Lucerón e Hedwin Swimberghe, entre outros. Participou en numerosos encontros e certames musicais nos que foi distinguida con numerosos galardóns.

Compartir: