URBANISMO

Outorgadas as primeiras seis licenzas para a legalización de actividades de empresas do Polígono Industrial do Tambre

02/03/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que na semana que remata foron outorgadas as seis primeiras licenzas de legalización de actividade a empresas do Polígono do Tambre. Iníciase así un proceso longamente agardado e demandado polos empresarios desta superficie industrial.

María Pardo recordou que esta regularización de actividades é unha obriga urbanística que deberán acometer unhas 470 empresas do Tambre actualmente en situación irregular. Trátase dun proceso que pretende eliminar determinados problemas estruturais, de protección fronte a incendios ou de accesibilidade, entre outros.

Segundo indicou, un 90% do total destas empresas en situación irregular están en condicións de obter licenzas de obra e de actividade. O 10% restante estarían "fóra de ordenación" e sen posibilidade de regularizar a súa actividade.

Para que os empresarios saiban que pasos dar para obter as súas licenzas, elaborouse unha Guía de Legalización, que estará dispoñible na web da Asociación de Empresarios do Tambre. A edil agarda que a finais de ano a maioría de empresas estean legalizadas ou teñan aberto o procedemento de legalización. "Contra aquelas empresas que non acometan a súa legalización, poderán adoptar medidas coercitivas e disciplinarias, con sancións que poden chegar ata o peche do negocio no caso de problemas de seguridade para as persoas", aclarou.

Proceso áxil
María Pardo garantiu que as licenzas, unha vez selladas no Concello, pagada a taxa e entregada toda a documentación correctamente, serán resoltas nun prazo máximo de dúas semanas. Para que os empresarios poidan presentar toda a documentación necesaria e así axilizar o proceso, serán asesorados previamente polos técnicos municipais.

Acompañou á concelleira na rolda de prensa o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, que agradeceu ao Goberno municipal a activación deste proceso, importante para uns empresarios que "son conscientes do risco que supón estar nunha situación de ilegalidade". Indicou que o momento económico actual non é o mellor para afrontar estes custos, pero reiterou a necesidade desta legalización. O Concello ten estimados uns ingresos duns tres millóns de euros por estas licenzas.

Documentos relacionados



Compartir: